O pobrense Daniel Lorenzo, cóengo doutoral da curia compostelá

A Catedral de Santiago acolleu a toma de posesión dos novos cóengos nomeados polo arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio.
Os novos cóengos son: Carlos Álvarez Varela, reitor do Seminario Maior de Santiago; Manuel Ferreiro Méndez, reitor do Seminario Menor; Manuel Jesús Formoso Fernández, vicecanciller do Arcebispado e moderador de Curia; Francisco Buide do Real, encargado actualmente do Arquivo da SAMI Catedral; e Víctor Suárez Gondar, xuíz Eclesiástico e secretario do Consello Episcopal. Tamén tomou posesión como cóengo doutoral Daniel Lorenzo Santos, Vigairo Xudicial do Arcebispado.
Na toma de posesión dos novos cóengos da Catedral de Santiago, monseñor Barrio dixo na súa mensaxe que “para valorar na súa xusta medida o acto que estamos a celebrar, é preciso situalo e consideralo no horizonte eclesial dunha pastoral de ministerio e non de beneficio, o que equivale a preguntarse sobre o labor que na Igrexa particular han de desempeñar estes novos cóengos no contexto do Cabildo, institución da Igrexa diocesana”.

Na cerimonia que se celebrou na Catedral compostelá, o arcebispo resaltou “o protagonismo da nosa Catedral no conxunto da celebración do Ano Santo Compostelán e do que é e significa o feito da peregrinación xacobea en cada ano” e dixo que “a Catedral está chamada a ser institución litúrxica modélica e debe ser paradigma da acción pastoral para toda a Igrexa diocesana”.

Ao falar da misión dos cóengos, o arcebispo destacou que “esta Casa do Señor Santiago debe ser fonte de renovación pastoral que leve aos fieis ao compromiso cristián para facer presente á Igrexa na nosa sociedade”.

Tamén lembrou que “o culto divino non é só o Sacrificio eucarístico, abarca tamén a celebración dos sacramentos, de maneira especial a Confesión –alguén comentou que a nosa Catedral é o confesonario de Europa- e, en canto procede da fe e nela apóiase, este culto está necesariamente vinculado ao ministerio da palabra. Por iso é polo que a función cultual do Cabildo inclúe a predicación da palabra divina na Igrexa Catedral que ha de converterse en lugar de encontro persoal con Deus na Palabra, nos Sacramentos e na liturxia”.
O arcebispo expresou a súa confianza en que “a atención que prestedes ha de servir para a edificación espiritual. Desexaría que a Catedral fose fogar, escola e taller ao servizo da nova evangelización cuxa urxencia hoxe é tanto máis necesaria canto máis incisiva é a influencia do proceso de secularización no que nos atopamos inmersos”.

Na mensaxe que o titular do Arcebispado dirixiu aos novos membros do Cabildo, monseñor Barrio indicou que “a Catedral é o centro xubilar por antonomasia o que equivale a dicir que nela ha de ecoar a chamada á conversión que leva ao reencontro co Señor, procurando que o abrazo do perdón e da misericordia chegue a todo aquel que o pida e que esta Igrexa sexa un centro de acollida, procurando que sempre haxa algúns capitulares para escoitar confesións e atender ás persoas que se achegan en busca de consello e orientación”.