Aberto o período de votacións telemáticas para elixir a Palabra do Ano de 2021

Como cada ano, a nosa comunidade internauta está chamada a participar na elección da que sería a palabra galega do ano: unha tarefa que ten moito de facer balance dos acontecementos relevantes que vimos de deixar atrás e, tamén (e non menos importante), de reivindicación da nosa lingua nas redes. Novamente a votación para dilucidar a Palabra do Ano 2021 levarase a cabo na Rede, a través do Portal das Palabras, e novamente serán a Real Academia Galega e a Fundación Barrié as encargadas de impulsar este certame. Desta volta as candidatas son coada, gromo, resiliencia, tanxugueiras e vacinódromo.

As persoas que desexen participar na elección popular poderán facelo ata as 23:59 horas do sábado 25 de decembro a través do Portal das Palabras, o proxecto que impulsan as dúas institución para a difusión do léxico galego.

Segundo explican, a Palabra do Ano “trata de identificar aquilo que resuma como se viviron colectivamente os últimos doce meses ou algún aspecto que sobresaíse, para ben ou para mal, na actualidade máis próxima ou global, en ocasións a través de neoloxismos e noutras a través de voces presentes na lingua dende hai moito tempo”. É o caso das cinco voces finalistas, que fan referencia, un ano máis, á pandemia da COVID-19, pero tamén á actividade do volcán de La Palma ou ao auxe da música tradicional galega, tal e como demostra a presenza do vocábulo tanxugueira, que non figura no Dicionario porque é en realidade un topónimo que fai referencia a un lugar con moitos teixugos, amais de á agrupación formada por Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro.

Dende 2014 o Portal das Palabras convida ademais a todas as persoas que o desexen a participar na escolla da Palabra do Ano. Nas edicións anteriores foron elixidas nós (2020), sentidiño (2019) deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) —coincidindo co centenario das Irmandades da Fala—, refuxiado, -a (2015) e corrupción (2014).