A salvo os catro tripulantes dunha planadora que envorcou preto de Porto do Son

Os catro tripulantes dunha planadora chegaron a nado á costa despois de envorcar a súa embarcación nas proximidades da praia do Castro de Baroña, no municipio coruñés de Porto do Son.
O Centro de Salvamento de Fisterra recibiu un aviso do 112 Galicia en relación ao envorco da planadora ‘ Nereira MC’ debido a un golpe de mar polas condicións meteorolóxicas adversas na zona, nas proximidades da praia do Castro de Baroña. Foi o primeiro tripulante en chegar á costa o que alertou do accidente marítimo. Os outros tres compañeiros tamén chegaron á praia a nado e todos eles “atópanse ben”, destacou Salvamento.

A embarcación de Salvamento Marítimo mobilizada, a ‘Salvamar Regulus’, remolcou a planadora envorcada ata o peirao do municipio de Porto do Son. Ademais, nesta emerxencia, coordinada polos controladores marítimos do Centro de Fisterra, participaron pesqueiros de Porto do Son e de Portosín, así como percebeiros, o helicóptero ‘Pesca 1’ da Xunta e a Garda Civil.