Sanidade e o Concello de Ribeira avalían os emprazamentos viábeis para o novo Centro de Saúde

O alcalde Manuel Ruiz mantivo na tarde deste martes 23 de novembro unha xuntanza de traballo co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, para abordar próximos proxectos relacionados con dúas infraestruturas sanitarias que o rexedor cualificou de “infraestruturas claves para o municipio e a súa contorna”. Estamos a falar do Centro de Saúde de Ribeira e o Hospital da Barbanza.

Así, en ao primeiro dos inmóbeis, quedou “definitivamente desbotada” a opción de reformar o actual, inclinándose pola construción dun novo centro “dadas as necesidades funcionais” e “tendo en conta tamén que isto permitiría albergar outros servizos aparellados como o de saúde mental”.

No transcurso da xuntanza, na que tamén estiveron presentes a xerente da área sanitaria de Santiago-Barbanza, Eloíña Núñez, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, avaliáronse posíbeis emprazamentos viábeis para o novo Centro de Saúde, acordando que o Concello adquira os terreos necesarios nalgunha das mesmas para a súa posta a disposición.

Outra das iniciativas abordadas foi o plan para ampliar a área de hospitalización do Hospital da Barbanza. O alcalde foi informado de que se prevé iniciar os trámites para o proxecto construtivo no presente ano de tal xeito que este poida quedar rematado no 2022, o que permitiría que no 2023 estivesen en marcha unhas obras encamiñadas a aumentar nun 40% o número de camas do centro hospitalario comarcal, pasando de 81 a 117.