O Servizo de Farmacia da Área de Santiago e Barbanza lanza un buscador nutricional pioneiro en España

Xa está dispoñíbel online, dende a nosa terra, o que sería o primeiro buscador web do ámbito estatal con todas as fórmulas de nutrición enteral, oral e de lactación artificial. Trátase de NEmecum e consiste nunha ferramenta dixital deseñada polo Servizo de Farmacia da área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, en colaboración co Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS). O seu obxectivo é “axudar aos profesionais sanitarios implicados na nutrición artificial na prescrición de nutrición e lactación artificial”. Faino achegando un formato de web convertíbel en aplicación móbil de acceso libre e de balde. Permite comparar máis de 800 fórmulas e 31.000 parámetros distintos.

Con todo, a intención é de que as cifras medren, segundo confirmou o equipo do Servizo de Farmacia: “Agardamos que estes números vaian crecendo nos vindeiros meses xa que se trata dun recurso dinámico que se irá actualizando e ampliando periodicamente”. A día de hoxe atópase dispoñíbel xa o módulo de nutrición enteral e “trabállase coa previsión de finais de ano para implementar o de lactación artificial”, explica Iria Varela, residente de cuarto ano de Farmacia Hospitalaria no CHUS. A doutora Varela destaca que NEmecum supón “unha revolución na consulta e personalización das fórmulas de nutrición habilitadas no mercado ao ser a primeira ferramenta dixital creada para este uso”. E engade: “É un recurso dixital que se irá adaptando ás necesidades dos profesionais sanitarios e que se actualizará cada seis meses para manter sempre uns resultados de procura fiables e precisos”.

Utilidade para moitos profesionais

Desde o grupo de farmacia do CHUS destacan que NEmecum está destinado a persoal sanitario, sobre todo a farmacéuticos de hospital e atención primaria e a facultativos prescritores de fórmulas de nutrición e lactación artificial. “Tamén pode ser unha ferramenta de consulta útil para enfermeiros e técnicos de farmacia, así como para persoal da industria farmacéutica”, subliña Anxo Fernández Ferreiro, farmacéutico especialista da Unidade de Investigación e Innovación do Servizo de Farmacia. Anxo engade que a integración de todas as nutricións dispoñíbeis en España e o sistema personalizado de procura da nova ferramenta supoñen “un importante paso na aplicación real da medicina personalizada no eido da nutrición”.

Para poñer en marcha esta web, deseñouse unha base de datos cos principais ítems que se consideraron relevantes á hora de escoller unha determinada fórmula de nutrición, parámetros que foron seleccionados en consenso co Servizo de Endocrinoloxía e Pediatría do Hospital Clínico de Santiago de Compostela, incluíndo información detallada de cada fórmula. Esta ferramenta conta con bases de datos diferenciadas entre a parte de fórmulas de nutrición enteral/oral e a de fórmulas de lactación artificial.

Esta ferramenta dixital foi probada e avaliada por diferentes sociedades científicas, tendo actualmente o aval científico de: a Asociación de Enfermeiras de Nutrición e Dietética (AdENyD), a Sociedade Española de Farmacia Hospitalaria (SEFH), a Sociedade Galega de Medicina Intensiva e Unidades Coronarias (SOGAMIUC), a Asociación de Médicos Galegos (ASOMEGA), o Colexio Oficial de Farmacéuticos da provincia da Coruña (COFC) e a Sociedade Galega de Endocrinoloxía e Nutrición (SGENM).