Licitada a renovación do pavimentado e da rede de pluviais na rúa do Castro, en Castiñeiras

O Concello de Ribeira informou da licitación dos traballos para renovar o pavimentado e a rede de pluviais na rúa do Castro na parroquia de Castiñeiras.

O obxectivo é “mellorar o estado actual dunha rúa que posúe un pavimento de beirarrúas de baldosa hidráulica e unha calzada de aglomerado asfáltico, ambos en mal estado, así como un tramo con rede de pluviais que non rexistra un óptimo funcionamento”, explica o Concello, engadindo que “conforme ao proxecto técnico elaborado, vaise dotar dunhas novas beirarrúas á zona en cuestión a base de formigón semipulido previa colocación de bordos (bordillos) de formigón”.

A calzada será de aglomerado asfáltico en quente.

En canto á rede de pluviais, instalarase unha rede de PVC corrugado de 315 milímetros de diámetro, pozos de rexistro e arquetas sumidoiro, que se unirá á rede xeral.

O prazo de execución son tres meses.

O orzamento base de licitación ascende a 99.749,40 con IVE. O investimento está incluído no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (Plan Único de Concellos) POS+ 2020.

As empresas interesadas dispoñen ata o 29 de outubro á medianoite para presentar as súas propostas polo Sistema de Licitación Electrónica da Xunta de Galicia (SILEX).