Gardacostas requisa preto de 670 quilos de distintas especies de peixe e marisco, arredor de 550 útiles e 1.500 metros de artes de enmalle

Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, requisaron preto 670 quilos de distintas especies de peixe e marisco, arredor de 550 útiles e 1.500 metros de artes de enmalle en diferentes controis realizados nos últimos días no litoral de Galicia. Boa parte deses resultados son froito das inspeccións realizadas nas xornadas previas ao inicio da campaña de extracción da centola, que comezou o pasado domingo nas costas da Coruña e Pontevedra.
Precisamente, ante a fin da veda deste crustáceo, mergulladores do Servizo de Gardacostas de Galicia, da Policía Autonómica e do Servizo Marítimo da Garda Civil participaron en varios dispositivos conxuntos desenvolvidos en distintos portos da comunidade co obxectivo de verificar que se cumpre a normativa vixente en relación coa
captura da especie e velar pola protección do recurso. Esas actuacións permitiron comisar preto de 150 quilos de centola obtidos de xeito irregular -que foron devoltos ao mar- e máis de 400 nasas para a captura de distintas especies, entre elas a centola.
Unha das actuacións máis importantes das realizadas polos mergulladores produciuse nos portos de Tragove (Cambados) e do Grove, onde os axentes requisaron 41 viveiros, 132 quilos de voandeira, 120 de mexillón, máis de 44 quilos de nécora, nove quilos de ostra, catro de centola, cinco de ameixa xaponesa, máis de tres de camarón e algo máis de dous de reló. Tanto os útiles como as especies estaban sen identificar, polo que foron retiradas e os peixes e mariscos devoltos ao mar. Foi o resultado dun operativo no que participaron mergulladores das embarcacións de Gardacostas Paio Gómez Chariño e Irmáns García Nodal e tamén da Policía Autonómica así como gardacostas.
Noutro dispositivo deste tipo posto en marcha nos portos do Xufre e San Xulián (A Illa de Arousa) -tamén coa intervención de mergulladores e das mesmas embarcacións- foron incautados 40 viveiros e unha ducia de nasas sen identificar así como 43 quilos de ameixa vermella, 22 de ostra, 19 quilos de reló, 15 quilos de ameixa babosa e 14 de fina, nove quilos de nécora e algo máis de sete de camarón. As especies foron devoltas ao mar pois estaban vivas.
Outro operativo protagonizado por mergulladores -da embarcación de Gardacostas Paio Gómez Chariño e do Grupo de Actividades Subacuáticas (GEAS) da Garda Civil co apoio de axentes dos dous organismos- desenvolveuse no peirao de Oza e no náutico da Coruña. O resultado foi a incautación de cinco nasas e un viveiro e o comiso de tres quilos
de nécora, máis dun quilo de lumbrigante e medio quilo de camarón. Tanto os útiles como as especies estaban sen identificar, polo que foron devoltas ao mar.
Outros controis
Os gardacostas desenvolveron a maiores distintos operativos por terra, en diferentes portos da comunidade, que se saldaron con importantes comisos e incautacións. Un deles, no porto da lonxa vella de Camariñas, permitiu requisar 88 nasas de ferro ilegais tipo centola e levantar unha acta de presunta infracción ao seu propietario. Mentres, un control
no porto de Camelle, en Camariñas, saldouse coa incautación de 121 nasas sen identificar. A eles sumáronse varios controis no peirao coruñés de Oza, coa incautación de dous salabardos de rede e unha bolsa e o comiso de máis de 33 quilos de centola sen identificar que foi devolta ao mar, e outros de menor importancia nos portos de Meira e
Chapela (en Vigo), Rianxo, Sada, Ares, Bueu e Porto do Son.
Entre as operacións máis importantes desenvolvidas por mar atópase unha na ría de Pontevedra que permitiu incautar 85 nasas ilegais, un fusil, un par de aletas, unhas gafas con tubo, un cinto con chumbos e unha rede de pesca. Nese dispositivo tamén se comisaron 24 quilos de centola, máis de 21 quilos de polbo, dous quilos de nécora e medio
de camarón, especies que estaban sen identificar polo que foron devoltas ao mar.
Na ría de Pontevedra realizáronse outras dúas actuacións co resultado de máis de 150 nasas incautadas que estaban sen identificar e o comiso de máis de 50 quilos de polbo e tres quilos de nécora que foron devoltos ao mar. Mentres, nun operativo na ría de Ferrol requisáronse 1.500 metros de artes de enmalle sen identificar e sen balizar e 67 quilos de centola, que foi devolta ao mar. A estes operativos engadíronse outros nas rías de Vigo e Arousa con pequenas cifras tanto de comisos como de incautacións.

Nasas incautadas en Camariñas. Foto Gardacostas