Chispetrén, Fixius e Orlando, grandes vencedores finais da Regata Alca

09 Novembro 2021

Os líderes Chispetrén, Fixius e Orlando non deron opcións aos seus rivais e nunha espectacular regata fixéronse esta pasada fin de semana coa vitoria final na cuarta e definitiva manga desta regata que organizou o Club Náutico Arousa Norte (A Pobra do Caramiñal)

Jesús Iglesias, patrón do Chispetrén

O parte meteorolóxico xa prevía un día perfecto para a práctica da vela, e así foi. Un vento de compoñente NE duns 12-15 nós, por unha banda, e a ría de Arousa, pola noutra, achegaron o marco ideal para a realización dunha proba en formato inverso como xa é tradición na Regata Alca.

A saída, graduada segundo a súa velocidade teórica, efectuouse nas proximidades da punta do porto comercial da Pobra, mentres os barcos participantes navegando á espera da súa quenda na zona de pre-saída facían da enseada do Caramiñal un ideal campo de regatas visíbel desde todo o porto.

Santana´s, de José Manuel Millan, terceiro na clase regata, no intre da saída

O percorrido, que consistiu na volta á illa de Rúa por babor, Moscardiño, Ter, Ostreira e chegada, con 12 millas de distancia, aproximadamente, resultou ser moi entretido. O Fixius de Miguel Pérez-Lafuente, do C.N de Vilagarcía foi o primeiro en cruzar a liña de chegada. Este primeiro posto valeulle para levar o triunfo final na clase Cruceiro-Regata.

O segundo posto nesta categoría foi para o Sempre Volve, representando ao club organizador e terceiro para o rianxeiro Piolín.

Gerardo Sánchez, patrón do Orlando

Na clase ORC Regata a vitoria resultou incuestionábel para o Chispetrén de Jesús Iglesias, do Club Náutico Arousa Norte, que fixo un pleno, contando como vitorias todas as mangas disputadas.

O segundo e o terceiro posto, respectivamente, foron para o Mus e para o Santana’s, ambos do C.N de Vilagarcía.

Á clase ORC Cruceiro chegaban o Orlando, de Gerardo Sánchez e o Galopín, de Manuel Franco, empatados a puntos, pero o Orlando deu un golpe sobre a mesa nesta última manga e levou ás súas vitrinas o título nesta clase tan disputada.

Miguel Pérez-Lafuente, patrón do Fixius

O segundo posto na xeral foi para o mencionado Galopín malia asinar un terceiro nesta manga, por detrás do Piko Norte, o cal se tería que conformar co terceiro chanzo do podio na xeral de todas as mangas.

Ao finalizar a proba do día, formalizouse a entrega de trofeos nas instalacións da Mariña da Pobra onde a directiva do Club Náutico Arousa Norte agradeceu publicamente a Alca a súa disposición a patrocinar unha proba que xa é un clásico do calendario de cruceiros da ría.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Estratexias kafkianas” – José Manuel Pena

“Estratexias kafkianas” – José Manuel Pena

Despois de tantos anos de período democrático e de liberdades en España, queda de manifesto que o espírito da transición durou o xusto e necesario para que se producise unha amnistía xeral de todos os crimes cometidos durante as catro décadas da ditadura militar...