A entidade ecoloxista ADEGA compartiu nun comunicado os seus motivos para defender o melo de xestión ambiental que defende a Mancomunidade do Barbanza e os concellos que forman parte dela, en contraposición ao modelo polo que apostan SOGAMA e Ecoembes. No comunicado ADEGA denuncia o que cualifica de “chantaxe do Goberno galego aos concellos da Mancomunidade”, con vistas a favorecer a práctica da incineración.
Esta “chantaxe”, indican, viría dada por unha serie misivas aos gobernos locais que viñan apostando pola planta de Lousame (a da Mancomunidade do Barbanza) nas que se lles comunican “supostos incumprimentos da normativa de residuos, exixindo melloras e cuestionando a viabilidade do sistema de recollida e compostaxe”.
ADEGA sinala que a Consellería de Medio Ambiente “esqueceu nestas cartas mencionar as ruinosas cifras de SOGAMA ocultando os reiterados incumprimentos legais que amosa o seu modelo e as consecuencias que para os concellos enganchados á incineración vai ter o establecemento de taxas aos tratamentos finalistas”.
ADEGA denuncia que nas misivas a Xunta explica que as cifras de reciclaxe (31.4% en 2020) do modelo de xestión da Mancomunidade do Barbanza están moi lonxe de acadar estes obxectivos, a saber, o 50% de reciclado (nova lei estatal de residuos, en tramitación) e un máximo do 40% a vertedoiro en 2025”. A entidade ecoloxista critica que os datos corresponden a 2020, “ano pandémico no que non funcionaron as liñas de triaxe polas restricións do COVID”, polo que “chama poderosamente a atención que a Xunta só se amose preocupada polos supostos incumprimentos do sistema Lousame, e non comente os resultados do sistema SOGAMA, que leva case de 30 anos amosando as cifras máis baixas de reciclaxe do Estado español”.
ADEGA defende os seus argumentos remitíndose aos datos subministrados polo MITECO na súa Memoria anual de xeración e xestión de refugallos municipais do ano 2018, no que se di que “o modelo SOGAMA ao que están adheridos 295 concellos galegos aplica tratamentos finalistas (incineración e vertido) a máis do 96% dos refugallos municipais que recibe e xera, reciclando só un 3,16% (…) Pola súa banda, o complexo medioambiental do Barbanza (9 concellos: Brión, Carnota, Lousame, Muros, Noia, Porto do Son, Ames, Pontecesures e Rois) reciclou en 2018 un 13% dos residuos recibidos, compostou a materia orgánica doutro 22,43% e enviou a vertedoiro, sempre previa triaxe, arredor dun 64%”.
