A Fundación RIA convoca en Taragoña un acto para impulsar a humanización da estrada AC-305 ao seu paso pola parroquia

26 Novembro 2021

A Fundación RIA, en colaboración coa Axencia Galega de Infraestruturas, prosegue a súa xira polos nosos concellos (logo da cita en Boiro) para dar a coñecer a importancia da súa experiencia en materia de humanización, rehabilitación e sustentabilidade con respecto aos novos proxectos de recuperación e posta en valor de infraestruturas que collen corpo na comarca. Desta volta é a quenda de Rianxo, onde a Fundación RIA mostrará o potencial das súas investigacións para devolver á cidadanía a estrada AC-305 ao seu paso por Taragoña. Esta xira encádrase nun proxecto para mellorar a seguridade viaria e recuperar a identidade dos núcleos de poboación litorais do Barbanza.

O acto aberto ao público -até completar o aforamento de 50 persoas– será o vindeiro luns 29 de novembro no Centro Cultural de Taragoña, de 17:00 a 19:00 horas. Para a organización do evento a entidade que impulsa dende Corrubedo o arquitecto inglés afincando na nosa comarca David Chipperfield e mailo seu equipo, a fundación contará co apoio do Concello de Rianxo.

Antecedentes

Tras a elaboración dun anteproxecto para a humanización da AC-305 ao seu paso por Palmeira (cuxo proxecto de execución xa foi licitado e está a ser redactado nestes momentos) a Fundación RIA subscribiu en decembro de 2020 un convenio de colaboración coa Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta de Galicia. Grazas a este convenio, a entidade emprazada en Corrubedo desenvolve un estudo xeral da estrada AC-305 que percorre o litoral do Barbanza e elaborará propostas de intervención para mellorar a seguridade e recuperar a identidade urbana de 5 núcleos de poboación.

Obxectivo da xornada

O acto de participación e reflexión é unha das actividades recollidas no convenio subscrito entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e a Fundación RIA. Os actos participativos buscan “fomentar o debate coa poboación local para incorporar criterios subxectivos sobre a seguridade da vía e reflexionar sobre os valores patrimoniais, urbanísticos e identitarios da contorna”. A xornada, segundo explica a entidade, “permitirá reflexionar sobre o tramo que percorre Taragoña á altura do Campo de Pazos e que foi escollido para próximas actuacións”.

A través da participación de diversas personalidades locais, farase un percorrido pola memoria e identidade da rúa, destacando os seus valores característicos e identificando as súas necesidades.

O acto terá tres partes.

1. Unha presentación de 20 minutos por parte da Fundación RIA, na que se describirá o contexto do estudo e os principios sobre os que se asenta. A través de fotografías e vídeos presentaranse algúns dos conflitos identificados na AC-305 ao seu paso por Taragoña e os potenciais de mellora da contorna.

2. Intervención de 10 minutos por parte de axentes locais centrada na historia e memoria de Taragoña, pendente de confirmación.

3. Tralas presentacións abrirase un debate cos asistentes sobre a mobilidade e o espazo público na comarca e o municipio.

Relatores

A xornada contará coas intervencións de:

-Adolfo Muíños, alcalde de Rianxo.

-Manuel Rodríguez, coordinador xeral da Fundación RIA

-Alfonso Bertran, arquitecto na Fundación RIA e coordinador do estudo sobre a AC-305

-Lucía Escrigas, arquitecta na Fundación RIA

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A vivenda” – José Manuel Pena

“A vivenda” – José Manuel Pena

É un ben de mercado para o negocio particular ou un dereito básico, fundamental e humano, como pode ser a educación, a sanidade, a prestación por desemprego ou a xubilación? A vivenda, en Galicia e no resto de España, continúa sendo un negocio e un ben de...