A ARE reúnese con representantes das empresas instaladas ou con terreo adquirido no Parque Empresarial de Te

19 Novembro 2021

Este venres 19 de novembro celebrouse a primeira hora da mañá unha reunión entre representantes da ARE (Asociación Rianxeira de Empresarios) e de varias das firmas do Parque Empresarial de Te, tanto das que xa están instaladas no parque como daquelas que teñen adquiridas parcelas e se instalarán proximamente nel. O lugar escollido para a xuntanza foi a Cafetería da Estación de Servizo BP localizada no propio complexo industrial.

Por parte da ARE asistiron o presidente, José Manuel Regueira, e a secretaria técnica, así como tamén o tesoureiro, Francisco J. Bandín, cuxa empresa (Bandín Audio) foi unha das primeiras en instalarse no Parque Empresarial de Te.

En canto ás empresas convocadas estiveron presentes representantes de: Conservas Ramón Franco, Crematorio M. Sánchez, Estación de Servizo BP, Metales Taragoña, Renobat Galicia, Talleres Milocho, Tarrío y Suárez, Transagonza e Transportes Potel.

Tamén asistiu como convidado o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños.

O motivo fundamental desta reunión foi informar aos asistentes sobre o proceso que se está a desenvolver de cara á posíbel aprobación dunha futura lei de áreas empresarias de Galicia. A ARE lembrou que nestes momentos a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ten aberto o trámite de audiencia no proceso de elaboración do anteproxecto de lei e desde a patronal rianxeira viuse conveniente informar as empresas sobre esta cuestión que pode afectalas nun futuro.

Aproveitando a presenza do rexedor, os asistentes puideron expoñer diversas cuestións que son obxecto de preocupación para as empresas, como por exemplo “a falta de sinalización do parque empresarial na autovía”, a “necesidade ou non de poñer en funcionamento a depuradora do parque”, a “conveniencia de reforzar os traballos de limpeza e mantemento dos espazos comúns” e a imaxe da rotonda de Te que non “só é a porta de entrada ao parque empresarial senón tamén á vila de Rianxo”, en palabras da ARE.

Outro tema que xurdiu na reunión foi a posibilidade de constituír unha entidade de conservación do polígono coa finalidade de poder desenvolver proxectos de interese común. “Isto é importante”, destacaron dende a ARE, “debido a que a futura lei pode incluír a regulación e incluso a obriga de constitución deste tipo de entidades”.

Finalmente acordouse remitir información aos presentes sobre varias cuestións relativas a algún dos temas tratados así como tamén mantelos informados sobre o avance dos trámites que siga o actual anteproxecto.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...