Máis de 1.100.000 contribuíntes se beneficiarán da nova rebaixa na tarifa autonómica do IRPF

Máis de 1.100.000 contribuíntes se beneficiarán da nova rebaixa na tarifa autonómica do IRPF para as rendas medias e
baixas incluída nos Orzamentos da Xunta do vindeiro ano, o que supón máis do 90%. En concreto, implántase unha nova escala e rebáixanse os tipos en todos os tramos inferiores a 60.000 euros, co que Galicia reforza a súa posición como unha das CC.AA. con menor tributación para as rendas medias e baixas.
Así o recolle o proxecto de Lei de Orzamentos para 2022, que ascende a 11.627 millóns de euros, un 6,9% máis que no vixente exercicio e que foi entregado hoxe no Parlamento polo conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, xunto ao proxecto de Lei de Medidas Fiscais e Administrativas.
En materia fiscal, no Imposto de Transmisións Patrimoniais (ITP) apróbase unha rebaixa do 10%, co que o tipo xeral pasa do 10 ao 9% para reducir a tributación ás familias que adquiren unha vivenda, favorecendo a dinamización do mercado inmobiliario. Mantéñense todos os tipos reducidos para os colectivos prioritarios e o ‘Programa Impostos 0 no rural’.
Polo que respecta ao imposto de Patrimonio mantense o mínimo exento e bonifícase un 25% a cota do imposto. Ademais, mantéñense as rebaixas no Imposto de Sucesións para que Galicia siga entre as CC.AA. con mellor tratamento fiscal para as herdanzas entre familiares directos e para os irmáns. O 99,9% das herdanzas por vía directa están exentas.
Beneficios fiscais
Os beneficios fiscais inclúen todos aqueles ingresos que a Xunta de Galicia decide non percibir para que revertan principalmente ás familias e aos fogares. En 2022 a Xunta ampliará de novo o volume de beneficios fiscais ata os 522 millóns de euros, o que supón un incremento de 50 millóns con respecto ao ano 2021. Segundo explicou o conselleiro de Facenda e Administración Pública esta cifra ten unha compoñente cualitativa moi relevante, posto que o 93% destes beneficios fiscais son de carácter social.
Territorialización do gasto
Estes presupostos inclúen o maior reforzo dos investimentos, con 2.554,5 millóns de euros o que permite reforzar as actuacións en todos os territorios e contribuír ao reequilibrio territorial.
Neste sentido os Orzamentos da Xunta para 2022 volverán potenciar o reequilibrio territorial cun maior gasto por habitante nas provincias de Lugo e Ourense. Así en canto á distribución territorial, o maior investimento por habitante volverá producirse nas provincias interiores: Lugo, onde a Xunta destinará 4.926 euros per cápita, e Ourense con 4.809
euros por habitante. Pola contra, nas provincias atlánticas, A Coruña recibirá 3.760 euros per cápita e Pontevedra 3.584 euros por habitante. Respecto ao volume de gasto, as provincias que reciben un maior volume son A Coruña e Pontevedra, con 4.222 e 3.379 millóns de euros respectivamente, mentres que Lugo recibirá 1.611 millóns e Ourense,
1.470 millóns de euros.
Priorízase o gasto social
Os Presupostos reforzan un ano máis o gasto social (sanidade, educación e políticas sociais) e as políticas de emprego, toda vez que no vindeiro ano Galicia non disporá do Fondo Covid por tratarse dun fondo extraordinario con carácter non consolidable que o Goberno central retirou. Así, estas contas inclúen o maior gasto social da historia da Comunidade que ascende a 8.660 millóns de euros, 610 millóns máis que neste exercicio.
Todas as consellerías terán máis recursos no ano 2022. En canto ao reparto por departamentos, o incremento da Consellería de Sanidade é de 268,7 millóns e acada a cifra récord de 4.588,7 millóns de euros; en Cultura, Educación e Universidade o aumento é de 177,5 ata superar os 2.751 millóns, e o departamento de Política Social sube en
115,6 millóns, e supera os 928 millóns de euros.
As tres consellerías que acaparan a maioría do gasto social concentran o 75% do incremento do orzamento, é dicir, tres de cada catro euros de aumento presupostario van destinados a sanidade, educación e políticas sociais.
Por outra banda, tendo en conta a importancia que cobran os fondos de recuperación e resiliencia no proceso de recuperación económica na súa dobre dimensión de xestión técnica e de interlocución para o seu seguimento e control, o vindeiro ano a Xunta reforzarase nun dobre plano: no plano técnico, ampliarase o período de mobilidade
voluntaria e incentivada dos funcionarios para sectores prioritarios coma este; e no plano estratéxico, reformarase o nivel de dirección estratéxica de todas as Consellerías para favorecer o seguimento e control dos fondos.

En resumo, a Xunta presenta hoxe os orzamentos máis altos da súa historia para trasladar ás persoas e ás empresas unha política útil. Estes presupostos buscan superar os niveis de riqueza previos á pandemia e apoiar ás familias e aos sectores económicos, baixan de novo os impostos, reforzan o gasto social e o investimento produtivo, controlan a débeda co menor gasto en xuros, blindan as infraestruturas sanitarias, modernizan os servizos públicos e volven á senda do crecemento san.

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, fará entrega ao presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, do Proxecto de Orzamentos de Galicia para 2022. No despacho do Presidente foto xoán crespo 20/10/2021