O portavoz do grupo socialista de Ribeira, José Vilas, e o edil José Manuel Suárez-Porta compareceron para anunciar un principio de acordo que permitirá ao Concello ribeirense contar con orzamentos antes de que finalice este mes.
A previsión é que o acordo se sele o vindeiro luns, e que o día 17 se celebre o pleno no que haberá que referendar un proxecto económico que, segundo destacou Vilas, recollerá un total de 14 propostas expostas polo PSOE. Asegurou que as negociacións foron arduas, pero finalmente lograron introducir nos orzamentos unha serie de cuestións que consideran fundamentais: ” Non gobernamos, pero podemos facer que parte do noso programa electoral se execute a través destes orzamentos, cumprindo parte dous nosos obxectivos”.
O documento recollerá, entre outras cuestións, os primeiros pasos para a creación do museo do mar de Ribeira e da fundación Manuel Ayaso, axudas e bonificacións para a hostalería, as expropiacións para o polígono industrial ou a humanización da rúa Castelao en Aguiño.
Pola súa banda o edil José Manuel Suárez-Porta debullou as propostas do PSOE que terán cabida nos novos orzamentos de Ribeira, que, segundo avanzaron, alcanzarán os 36 millóns de euros.

Entre os aspectos que os socialistas puxeron como condición para dar o visto e prace ás contas do goberno de Manuel Ruiz figura a ampliación da exención de taxas pola ocupación das terrazas hostaleiras, así como bonificacións do 50 % nos servizos de auga e saneamento, do 60 % nas taxas deportivas e de ata o 100 % para a escola infantil e os servizos de dependencia.
As contas incluirán un crédito ponte por un importe de 1,5 millóns de euros para o pago das expropiacións dos terreos necesarios para desenvolver o novo polígono industrial de Ribeira. No tocante á mobilidade e accesibilidade no municipio, destacaron a remodelación e humanización da rúa Castelao, desde o porto de Aguiño ata o cruzamento coa estrada de Castiñeiras; a construción de beirarrúas na rúa Alcalde Fernández Bermúdez ou a pavimentación da rúa Pedriñas, en Carreira.
Amáis logrouse o compromiso do executivo local de reinvestir os 800.000 euros de aforro coa nova concesión do saneamento no recibo que pagan os veciños por esta prestación.
A aprobación da relación de postos de traballo do Concello, coa convocatoria dos procedementos correspondentes para cubrir seis prazas na Policía Local, dous de Administración Xeral, outras dúas de operarios de mantemento e un arquitecto técnico. Así mesmo, inclúese a prórroga das axudas de apoio ao comercio do plan Reactiva Ribeira.
Resumindo oss 14 puntos son:
– prorrogar a exención da taxa das terrazas á hostalería, destinando o que se prevía recadar (30.000 €) a axudas ao sector
– adquirir a edificación para a nova biblioteca, restaurala e equipala (1,1 millóns)
– construír o Centro de Deportes Náuticos en Aguiño (700.000 €)
– Habilitar un Museo do Mar (200.000 €), para o que se propoñen as antigas naves de salgadura de Area Secada)
– crear a área de Rehabilitación Integral (150.000 €) para Bandorrío, Pombal, Palmeira e Corrubedo
– iniciar as obras do novo polígono industrial (150.000 €)
– constituír a Fundación Manuel Ayaso (45.000 €)
– urbanizar a fachada marítima desde o porto de Aguiño cara á Tasca, ata o cruce co vial de Castiñeiras (600.000 €
– bonificar a familias vulnerables o 50 % das taxas de auga, saneamento e depuración, o 60 % nas deportivas e o 100 % nas da Escola Infantil e Axuda non Fogar a Dependencia (300.000 €)
– facer as beirarrúas en rúa Alcalde Fernández e empedrar a rúa Pedriñas en Carreira (70.000 €)
– trasladar o GAEM a unha nave de Frións (150.000 €)
– ampliar o vial de Xebre (60.000 €)
– aprobar a Relación de Postos de Traballo incluíndo 6 policías locais, un técnico de administración, un arquitecto técnico e dous operarios de Obras)
– e dotar de céspede artificial ao campo da Tasca (182.000 €).
O acordo será asinado este luns entre o alcalde ribeirsense Manuel Ruiz(PP de G) e o líder do PSOE local, José Manuel Vilas.