O BNG de Noia informa á veciñanza das alegacións ao parque eólico Huracán

O BNG de Noia prosegue a súa loita contra o proxecto do “Parque Eólico Huracán”, que, segundo indica a agrupación, provocaría graves prexuízos para o medio natural e para os residentes dos núcleos de Vilardante e Vilafabeiro, os principais afectados (aínda que non os únicos).

Co fin de seguir informando das consecuencias deste proxecto, representantes do grupo desprazáronse ata os devanditos lugares, onde puxeron a disposición das veciñas e veciños as alegacións á construción deste parque eólico, alegacións abertas para que a cidadanía e as entidades se sumen a elas e as rexistren ante a área de industria e enerxía da Delegación do Goberno en Galicia. As alegacións céntranse en tres aspectos legais a través dos cales os nacionalistas pretenden evitar “o forte impacto sobre as vivendas unifamiliares”.

O portavoz da formación, Ricardo Suárez, nas inmediacións do futuro emprazamento do parque

O primeiro destes aspectos é o feito de que o parque “non sería coincidente na totalidade das súas posicións e da poligonal coas áreas de desenvolvemento eólico recollidas no Plan sectorial eólico de Galicia.

Os outros dous argumentos esgrimidos polo BNG refírense ao muíño de vento número 1 do parque, sito en Noia. Por unha parte, poñen de manifesto que “contrariamente á normativa do citado plan sectorial, a cal establece a obrigatoriedade de respectar a distancia mínima de 500 metros ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou construíbel, o muíño atópase a menos de 500 metros da delimitación do núcleo rural histórico de Vilardante, a cal está contemplada tanto polas normas subsidiarias vixentes que regulan o planeamento urbanístico do municipio de Noia como no Plan Xeral de Ordenación Urbanística pendente de aprobación definitiva”.

A terceira das alegacións propostas refírese ao que o BNG considera “unha incongruencia” do propio documento de Estudio de impacto ambiental del parque eólico Huracán y su línea de evacuación de energía. Dito documento, explican os nacionalistas, “recolle que a zona de risco ou incidencia do parque é un espazo natural que abrangue dende os 50 metros ata os 200 con respecto ao límite físico do punto onde se realizan as obras” así como se específica “que calquera elemento do patrimonio cultural que se encontre dentro desta franxa sofre impacto, aínda que este non sexa directo”. Os nacionalistas din non entender “que sexa legal que dita zona de risco ou incidencia coincida coa área de cautela do elemento patrimonial denominado Castelo Miúdo, o cal está reflectido no Catalogo de Patrimonio da Xunta de Galicia con código GA 15057016”.

O portavoz da formación, Ricardo Suárez, criticou o feito de que “o Concello non mostrara ningún interese por informar nin asesorar á veciñanza máis afectada” e anunciou que “o vindeiro luns porán as alegacións a disposición do equipo de Goberno para que se poidan presentar como parte interesada no proceso e defendan a calidade de vida nas vivendas de Vilardante e Vilafabeiro”.