Seis alumnos do obradoiro de carpintería da Unidade Asistencial de Drogodependencias de Ribeira (UAD) desprazáronse este verán até a illa de Sálvora para realizar labores de recuperación das edificacións alí presentes e máis tarefas de recuperación ambiental.

En concreto, traballaron na restauración da porta da capela da illa e doutros mobiliarios da antiga fábrica de salgadura (o actual Pazo de Sálvora). Ademais, desempeñaron un servizo medioambiental consistente na recollida de plásticos e outras clases de lixo deste enclave situado no Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia. Os usuarios da UAD xa teñen colaborado en ocasións previas no mantemento das infraestruturas da illa e dos seus tesouros ambientais.

Para observar comprobar o resultado destes labores desprazáronse este 2 de setembro até a illa, dende o porto de Aguiño, os concelleiros de Servizos Sociais e de Dinamización Económica, Ana Barreiro e Ramón Doval; ademais do xefe de servizo da UAD, Jesús Cartelle e o director das Illas Atlánticas, José Antonio Fernández Bouzas.

Ana Barreiro lembrou que este é o quinto verán en que os usuarios da UAD levan a cabo este tipo de traballos na illa e que grazas aos mesmos “puidéronse restaurar diversos elementos localizados dentro do Pazo de Sálvora como unha dorna, unha calesa e unha embarcación auxiliar, e tamén construíron unha nova escaleira de madeira para a praia do Almacén e melloraron a sinalética en toda a illa”.
Os usuarios e o seu profesor levan dende o pasado 30 de agosto e permanecerán ata o 6 de setembro.
O Pote II
Por outra parte, e tal e como reflectiu Ramón Doval, cómpre destacar ao respecto que o alumnado do obradoiro de emprego O Pote II colaborou na estadía de todos eles preparando unha serie de menús baixo a dirección do mestre da especialidade. Este 2 de setembro tiveron ocasión tamén de preparar un menú especial in situ (unha paella) aproveitando este desprazamento dende o porto de Aguiño.