Na mañá deste 8 de setembro, o Concello e a Xunta presentaron en Noia a Liga Galega de Break. Participaron a concelleira de Deportes, Laura Salgado, a directora xeral de Xuventude, Cristina Pichel, a xefa de Servizos de Xogade, Belia Méndez, o alcalde de Noia, Santiago Freire e máis Pablo Castiñeira, da Asociación Vella Escola. Segundo fixeron saber, a proba noiesa da Liga de Break celebrarase este sábado 11 de setembro, ás 17.00 horas na Alameda e, en caso de chuvia, no Pavillón Alonso Rodríguez. Ese mesmo día pola mañá, no Espazo Xove celebrarase un obradoiro formativo, dirixido ao público xeral que queira iniciarse nesta disciplina deportiva.

Amais, engadiron que a Liga Galega de Break é unha iniciativa posta en marcha este ano por primeira vez e que se está desenvolvendo en diferentes puntos da xeografía galega como Viveiro, Lalín, Vilagarcía de Arousa ou A Coruña. Esta proposta, organizada pola Asociación Vella Escola, conta co apoio e colaboración da Consellería de Política Social e a Secretaría Xeral para o Deporte. Inclúe competicións de lecer saudábeis, atractivas e con todas as medidas de seguridade para as mozas e mozos galegos.
Noia é unha das dez sedes que acollen este torneo posto en marcha pola Xunta de Galicia. O primeiro foi o concello lucense de Viveiro o pasado 22 de maio, seguido de Lalín o 5 de xullo, en Vilagarcía de Arousa o 19 de xuño e na Coruña o 26 dese mesmo mes. Agora tócalle a Noia e, a continuación, a Pontevedra, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, e para rematar, Vigo.
Esta actividade permite unha ampla tipoloxía de participantes, “xa que na Liga galega de Break poden formar parte todas as persoas que teñan 6 ou máis anos”, informaron, engadindo que nesta competición existen varias categorías, polo que poden inscribirse os que se atopen desde no nivel de iniciación ata no avanzado, competindo nunha categoría ou noutra dependendo do seu dito nivel.
Na rolda de prensa tamén se fixo saber que o breaking debutará como deporte olímpico nos Xogos de París 2024.