O Concello da Pobra do Caramiñal, a Editorial Galaxia e a A. C. Barbantia presentaron neste 7 de setembro o IV Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro, concibido como un medio para promociona-los novos autores e autoras en lingua galega de literatura infantil, así como homenaxear ó mencionado escritor, veciño da Pobra e falecido no 2017. O acto transcorreu no Auditorio do Museo Valle-Inclán e contou coa presenza da concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE); o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro; o presidente da A. C. Barbantia, Manuel Cartea; e Lourdes Briones, viúva de Carlos Mosteiro.
O premio, que poderá quedar sen adxudicar se o xurado estimar que ningunha das obras presentadas acada a suficiente calidade literaria tal e como sucedeu na terceira edición, considerará unha única obra gañadora, á cal se lle asigna unha dotación económica de 3.000 euros, duplicándose a contía respecto a edicións anteriores. Ademais, publicarase na colección Árbore da Editorial Galaxia, para cuxa edición o Concello fai unha aportación económica, e repartiranse exemplares entre a rapazada da Pobra.
A edil Patricia Lojo puxo de manifesto a importancia de que dende as institucións “se promova a cultura galega, a literatura, a creación e salvagardar este tipo de iniciativas.” Pola súa parte, Francisco Castro, en referencia ao certame literario, afirmou que “podemos dicir que é un dos premios de referencia na literatura infantil e xuvenil do noso país.” Así mesmo, Manuel Cartea fixo un repaso pola traxectoria profesional de Carlos Mosteiro, e Lourdes Briones expresou o seu agradecemento ás partes implicadas, ademais de animar á xente a participar.
O prazo de recepción de orixinais remata no 30 de outubro de 2021. O xurado estará composto por tres persoas de recoñecido prestixio na literatura infantil, unha delas da propia editorial. Tamén constará dun secretario/a, con voz, pero sen voto. O ditame darase a coñecer no 30 de novembro e a entrega do premio será no mes de decembro de 2021.
As bases completas e documento de solicitude están dispoñibles nas páxinas web das entidades impulsoras.
Este venres “A Traxedia do Santa Isabel” nunha xornada de divulgación do Parque Nacional das Illas Atlánticas
Dentro do ciclo "Coñece o teu Parque Nacional", o Parque Nacional das Illas Atlánticas organiza este venres en Ribeira unha xornada de divulgación á cidadanía. O Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia (PNMTIAG) anuncia unha nova xornada na...