O Concello de Rianxo informou da adxudicación á empresa Nemesio Ordóñez do proxecto para dotar de saneamento ás residencias de Burés (Asados) que aínda non contaban co dito servizo. A iniciativa, que vén cun importe de 104.730,39 € (IVE incluído), afectará nesta primeira fase a unhas 30 vivendas da parte vella do lugar. Estas residencias irían conectadas á rede xeral a través dunha infraestrutura disposta en dous tramos: un que discorre nas primeiras casas e baixa pola estrada AC-305 e outro no núcleo máis tradicional da aldea. Tras esta actuación realizarase a correspondente reposición do pavimento.

O Concello lembrou que xa está dispoñíbel un segundo proxecto para buscar tamén o seu financiamento dentro dos plans provinciais e completar no posíbel o saneamento integral do lugar.
O importe de adxudicación será financiado polo Plan único da Deputación. Dentro dunha semana procederase á sinatura do contrato polo que as obras comezarían axiña para estar rematadas no último trimestre do ano.
Tamén se está a adxudicar a obra de traída municipal para o Outeiro-Taragoña e está previsto que tras o permiso de Augas de Galicia se impulse a contratación do saneamento e abastecemento de Quintáns en Isorna.