A Pobra celebra este domingo o Nazareno

18 Setembro 2021

Retransmitirase por streaming o oficio das 13.15 horas a través da canle do Youtube do Concello da Pobra do Caramiñal.

O Concello da Pobra do Caramiñal deu a coñecer o seu plan anti-COVID para a celebración do Nazareno, declarada Festa de Interese Turístico Galego no ano 2000 que este ano desenvolverase ata o 20 de setembro. Para a xornada do domingo 19, a parroquia, a comisión e o Concello poñen en marcha, ao igual que no ano pasado, “un amplo dispositivo de seguridade” co que garantir a seguridade e saúde pública, tal e como anunciaron o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra); a concelleira dos Servizos Municipais, Estefanía Ramos (Nós Pobra); o seu homólogo da Seguridade, José Andrés Lojo (Nós Pobra); e o presidente da comisión do Nazareno, José García.

No que respecta á loxística, a edil Estefanía Ramos detallou o mecanismo artellado de cara a celebración dos oficios, dos cales tres serán na praza Alcalde Segundo Durán (ás 11.15, 12.15 e 13.15 horas). Para tal ocasión, instalarase un toldo de 800 metros cadrados, montarase o palco para o uso do párroco e disporanse cadeiras coa distancia de seguridade. Amais, poranse baños portátiles, que estarán suxeitos a limpeza e desinfección frecuentes, ao igual que os asentos.

A cabida máxima por cada oficio establécese nas 500 persoas e o acceso á dita praza será mediante unha entrada con código QR. Os tíckets pódense conseguir xa de maneira telemática a través do enderezo electrónico nazarenopobra@gmail.com. Será preciso indicar nome e apelidos da persoa titular das entradas e o número de tíckets que se precisan, un número de teléfono e especificar a hora da misa á que se quere asistir. Así mesmo, persoas voluntarias da Protección Civil realizarán un reparto presencial á entrada da novena na igrexa de Santiago do Deán, dende o día 10 ata o 18. De non completarse a cabida, no propio día 19 habilitaranse dous postos: un na rúa Díaz de Rábago, fronte as escaleiras de acceso ao adro da igrexa de Santiago do Deán, e outro nos Xardíns de Valle-Inclán, ao carón do quiosco Castillo. Establécese un máximo de 4 tíckets por persoa.

No referente á seguridade, o edil José Andrés Lojo anunciou que do día 17 ao 20 reforzaranse as gardas da Policía local. No propio día 19, contarase con efectivos da seguridade privada para controla-lo acceso e circulación dentro da praza Alcalde Segundo Durán; membros da Policía local; Protección Civil; e tamén se solicitou a presenza da Garda Civil para dar apoio. De cara a prevención de emerxencias sanitarias, haberá unha ambulancia medicalizada nas inmediacións.

Amais, sinalou que para esa xornada cortarase o tráfico rodado na rúa Díaz de Rábago e no treito de estrada que separa os Xardíns de Valle-Inclán e a praza Alcalde Segundo Durán. A circulación, tanto en dirección Ribeira coma Boiro, estará indicada con sinalización viaria circunstancial.

Pola súa parte, o presidente da comisión do Nazareno, José García, indicou que os días 17, 18, 19 e 20 haberá salvas e alboradas, botaranse bombas de palenque e lembrou os oficios que se celebrarán no propio templo, cuxa cabida estará limitada e efectuarase a desinfección do espazo.

O rexedor concluíu a rolda manifestando que se continúa con estas medidas extraordinarias e que se agarda que o próximo ano “poidamos volver á tradicional procesión que percorre as principais rúas do noso concello.” Ademais, destacou o dispositivo artellado e a loxística, pois “hai que estar preparados para calquera circunstancia.” Neste senso, apuntou que o que se busca é “que a xente poida seguir celebrando esta festa cultural, tradicional e relixiosa dalgunha maneira, pero sempre coa máxima seguridade.” Do mesmo xeito, quixo expresar o seu agradecemento á comisión do Nazareno polo seu labor e esforzo.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...