“Un Instituto Social da Mariña que ten vías de auga”. Antón Luaces

Como tantas outras entidades vencelladas ao mundo do mar, o Instituto Social da Mariña (ISM) é unha xestora con personalidade xurídica propia. Ten como misión principal a xestión, administración e recoñecemento do dereito ás prestacións do Réxime Especial da Seguridade Social dos traballadores  do mar, así como a inscripción de empresas, altas e baixas dos traballadores acollidos ao devandito réxime especial. De ámbito nacional, o ISM está tutelado pola Secretaría de Estado da Seguridade Social do que agora se denomina Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.
Realiza funcións recadatorias das aportacións do sector marítimo-pesqueiro. Presta asistencia sanitaria e hospitalaria aos traballadores do mar e aos seus beneficiarios dentro do territorio nacional. Existe dende o ano 1919, cando naceu como Caja Central de Crédito Marítimo, ata que en 1939, rematada xa a guerra civil española, adoptou a denominación que todos simplificamos coas siglas ISM. É, polo tanto, unha entidade con personalidade xurídica propia á que a familia mariñeira non quere renunciar porque coida que o seu labor é esencial e impagable cando tal labor se desenvolve nos parámetros para os que foi concebida. 

Pero o ISM, de cando en veces métese nuns fregados dos que moito se comenta e, dende logo, máis se lamentan os prexudicados. Eis o caso dun coñecido pescador. e divulgador do mundo pesqueiro que, após aguantar a de Deus é Cristo, soubo dun problema derivado do seu traballo no mar e, moi probablemente, de alar do aparello no mar, custoso labor que hoxe fai un maquinillo. Foi ao médico, tratárono, e o ISM diagnosticou que o seu problema non era derivado dunha enfermidade profesional porque estas son as que padecen as mariscadoras, redeiras, etc. E, polo tanto, denegáronlle a prestación que solicitaba.

E eu digo: carafio co ISM, que tardou ben tempo en recoñecer -aínda que fora para negarlle a un mariñeiro o recoñecemento do seu mal- que no mar hai enfermidades profesionais e que estas son, entre outras, as que padecen as mariscadoras ou as que lles afectan á redeiras.Váiche boa que estas profesionais reclaman tal recoñecemento e que este se traduza en feitos, o que no quita que, efectivamente, determinados esforzos contínuos -digo eu- incidan asimesmo na aparición de certas enfermidades que de non ser por este labor cotiá de, por exemplo, alar a rede, derive efectivamente nunha enfermidade profesional.

É para isto para o que os mariñeiros queren o Instituto Social da Mariña (ISM), é para isto que hai mariños mercantes que arrastran dende vai vinte ou trinta anos unha enfermidade ¿profesional? derivada do moito ruído que han soportar no barco durante estadías moi alongadas no tempo as 24 horas de cada día?. Por exemplo, o persoal de máquinas. Pero en definitiva, todos os que están a bordo e durmen no barco. Ese ruído constante que aínda conservan xa xubilados. Para esto se creou o ISM, antes Caja Central de Crédito Marítimo (que foi como a bautismaron cando se creou?. Deberían revisar as cousas e ter en conta o padecemento duns traballadores que van máis aló dun ordenador sobre unha mesa nun despacho máis ou menos ben amoblado na oficina do ISM en calquera cidade marítima española.

 Non deberían revisar o catálogo de enfermidades profesionais no mar?.