Portos de Galicia apoia a promoción do Camiño por mar que realiza a “XI Ruta Cabaleiro das Cunchas” que recala en Muros e Portosín

A Xunta de Galicia, a través de Portos de Galicia, colabora coa celebración esta semana da XI Ruta Marítima do Cabaleiro das Cunchas e aplaude o seu labor de promoción do Camiño por mar. Trátase dunha acción que realiza a Fundación Traslatio como impulsora da iniciativa, co conseguinte beneficio para o sector náutico da nosa comunidade. Esta proposta conta co apoio do ente público dependente da Consellería do Mar e o recoñecemento á difusión das potencialidades do sistema portuario autonómico.
A ruta, na que participan máis dunha decena de embarcacións de recreo, rematará mañá no porto de Bouzas, en Vigo, despois dunha semana na que recalou en seis portos galegos: Vigo, Muros, Camariñas, A Coruña, Muxía e Portosín. O itinerario cumpre cos requisitos do Cabido de Santiago para obter a compostela acreditativa da peregrinación por mar, que pasan por unha navegación a vela de como mínimo 100 millas náuticas e o percorrido a pé dos últimos quilómetros ata Santiago de Compostela.