Os socialistas de Noia requiren que se formalice a apertura do Museo do Mar

O Grupo Municipal Socialista de Noia vén de emitir un comunicado crítico coa xestión que está a facer o Goberno local en relación ao Museo do Mar. Os socialistas sinalan que a unha pregunta formulada por escrito polo seu grupo relativa á data prevista para a apertura definitiva do edificio, o Goberno noiés indicou que a previsión era formalizala ao longo do verán, unha vez licitada e rematada instalación do equipamento previsto. Porén, o grupo do PSdG di que “está a piques de rematar agosto e non hai coñecemento de que se levaran a cabo xestións coa Asociación Mar de Noia nin de que se realizase ningún avance para materializar a dita apertura”.

Por este motivo, consideran “inadmisíbel” que o que consideran “unha mala xestión do Goberno actual” impida á cidadanía de Noia poder gozar dun edificio que “leva demasiados meses finalizado, como carecer dun atractivo turístico máis, que a vila de Noia podería mostrar aos visitantes que recibe dentro deste ano Xacobeo”.

O voceiro Roberto Iglesias, incide en que “ninguén entende que un inmóbel que se construíu co obxectivo de albergar o material que ten a Asociación Mar de Noia, e para dar a coñecer a importancia do medio mariño para o concello e a comarca, estea actualmente infrautilizado acubillando obradoiros para os cativos de xoves a domingo, sen que paralelamente se faga o máis mínimo para poñelo a andar”.

O G. Municipal do PSdG-PSOE de Noia volverá a solicitar ao Goberno municipal leve a cabo a xestións precisas para materializar definitivamente a apertura e plena actividade do Museo do Mar.