O programa Apego de dinamización lingüística estreará a súa primeira ruta interactiva en Rianxo

09 Agosto 2021

O Concello de Rianxo adiantou este luns 9 de agosto algúns detalles da que sería a primeira ruta interactiva do programa intermunicipal Apego, con presenza nunha trintena de concellos da nosa terra e destinado a fomentar e mellorar a transmisión do galego como lingua inicial. A ruta é un itinerario polo rio Te e dispón de contidos educativos que se poderán consultar empregando un dispositivo móbil. Tamén contará cun espazo adicado á promoción do turismo e do lecer familiar en Rianxo.

A iniciativa, que se vai activar oficialmente este mércores cunha xornada de presentación no inicio do itinerario (ás 11.30 contando coa presenza do alcalde Adolfo Muíños), vén da man da Asociación Avoar, en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística do Concello rianxeiro, sendo o seu obxectivo principal “crear un espazo de lecer nunha contorno natural para o desfrute das crianzas e as súas familias”.

Segundo fan saber Avoar e o Concello, a ruta contará con 10 puntos informativos onde, a través dunha serie de códigos QR, as persoas que se animen a percorrela poderán acceder a contidos educativos sobre os recursos naturais e patrimoniais de Rianxo (por exemplo fragas, bosques de ribeira, muíños, etc) a través dun formato multimedia que inclúe audios con cancións, lendas, contos e xogos. “O que buscamos”, sinalan as entidades impulsoras da iniciativa, “é que as familias poidan realizar unha ruta activa de sendeirismo coas crianzas á vez que aprenden, practican a lingua galega e se divirten”.

Traballo colaborativo

Os contidos da ruta poden consultarse previamente nunha páxina web elaborada de xeito específico polo Concello, rutadoapego.rianxo.gal, onde se achegan os datos previos precisos para abordar o percorrido nas mellores condicións posíbeis (sinalando como chegar e onde estacionar o vehículo, que recomendacións xerais se deben ter en conta así como información sobre os contidos aos que se accede a través dos códigos QR dispostos nos diferentes puntos sinalizados da ruta).

Ademais, a páxina web conta cun videoxogo da Ruta do Apego de Rianxo, onde o polbo Po, mascota do Programa Apego, percorre o río Te e atopa moitos amigos curiosos. Na elaboración dos contidos, a Asociación Avoar contou coa colaboración musical de José Luis do Pico Orjais, coa voz de Xesús Santos e co testemuño de Manuel Deira, último habitante do muíño de Francuín.

A Ruta do Apego de Rianxo procura, ademais, animar o turismo familiar no municipio, de aí que unha das seccións da web recolla todas aquelas actividades que se poden realizar con crianzas en Rianxo. Coa colaboración do Servizo de Turismo seleccionáronse lugares para visitar, para ficar a durmir, para comer, para comprar xoguetes, libros, etc. A intención, explican o Concello e Avoar, é que todos os elementos permitan gozar ao máximo “dunha experiencia agradábel coas crianzas neste concello”. De feito, a actividade vincúlase ao Programa de dinamización lingüística no tecido socioeconómico En Rianxo, ao noso xeito, no que participan máis de 50 empresas locais.

Programa Apego

O Programa Apego de Rianxo desenvólvese desde a Concellería de Benestar, Igualdade e Diversidade do Concello en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística, que nesta temporada pandémica viuse obrigado a cancelar as actividades do Espazo Familiar, onde o encontro e a interacción entre crianzas e persoas coidadoras era o eixe vertebrador de toda a súa acción dinamizadora. Co fin de seguir ofrecendo experiencias interesantes e, sobre todo, seguras desde o punto de vista da saúde, creouse esta Ruta do Apego de Rianxo sinalizada e interactiva. Logo de meses en que o espazo familiar reduciuse ás propias casas, a creación de espazos abertos e naturais de convivencia familiar considerouse “unha prioridade” por parte do Proxecto Apego rianxeiro.

Acto inaugural

Ao acto inaugural da Ruta do Apego de Rianxo, que terá lugar no seu punto de inicio, no Torreiro (ao final do Polígono Industrial de Rianxo), asistirán o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, as concelleiras de Educación e Normalización e de Benestar, Igualdade e Diversidade, Adelina Ces e Hadriana Ordóñez, respectivamente, e unha representación das persoas que participaron na elaboración da ruta: David García, da Asociación Avoar e os colaboradores José Luís do Pico Orjais, Xesús Santos e Manuel Deira que darán conta do proceso de creación desta pioneira ruta infantil acompañados dalgunhas crianzas.

Outros artigos

Este venres recala en Boiro “Deadpan Karaoke” de Ibuprofeno Teatro

A Casa da Cultura de Boiro vai dar acollida este venres 26 de abril á representación teatral de Deadpan Karaoke, a cargo de Ibuprofeno Teatro, a partir das 21.00 horas. As entradas estarán á venda dende unha hora antes da función na billeteira. Trátase dunha peza para...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Estratexias kafkianas” – José Manuel Pena

“Estratexias kafkianas” – José Manuel Pena

Despois de tantos anos de período democrático e de liberdades en España, queda de manifesto que o espírito da transición durou o xusto e necesario para que se producise unha amnistía xeral de todos os crimes cometidos durante as catro décadas da ditadura militar...