O BNG esixe no Parlamento máis compromiso para emendar as eivas do Conservatorio de Ribeira

O BNG levou ao Parlamento as eivas do Conservatorio de Música de Ribeira Enrique Paisal, que, segundo explica a agrupación, precisa investimentos que garantan a súa continuidade e mellora.

Para a deputada, Rosana Pérez, “os recursos materiais e humanos que o sosteñen son manifestamente mellorábeis, a comezar polas evidentes e graves deficiencias do propio edificio que o alberga, e perfectamente coñecidos dende hai anos polo Concello de Ribeira sen que este faga absolutamente nada”.

Pérez engade que o cadro de persoal, docente e non docente, é de 18 persoas (que prestan atención a máis de 150 alumnos e alumnas anuais) e denuncia como este profesionais “teñen que convivir nun edificio que dista moito de estar preparado para desenvolver unha actividade cunhas características moi específicas e para o coidado e mantemento dos instrumentos que non son precisamente accesíbeis dende o punto de vista económico”.

Entre as principais eivas ás que o corpo docente e o alumnado ten que enfrontarse atópanse, segundo o BNG, as seguintes: aulas con escasa ou inexistente insonorización, enormes e extensas humidades que chegan aos tres andares do edificio e provocan a aparición de numerosos fungos, baixas temperaturas que se rexistran no inverno e moi altas coa chegada do bo tempo.

“En definitiva, incomodidade, deterioro e insalubridade á que están expostas case 170 persoas durante todo o ano”, explica a deputada, engadindo que ata hai tres anos víñanse impartindo en Ribeira clases de iniciación á música para alumnado menor de seis anos, “vitais para a propia subsistencia do conservatorio e moi útiles e beneficiosas para a formación dun importante número de nenos e nenas” agregou Pérez Fernández.

Asemade, o BNG láiase de que o Partido Popular “eliminase a escola de música malia ser unha actividade demandada por numerosos pais e nais de toda a comarca e que se podería poñer en funcionamento nun breve prazo de tempo se se levara a cabo a contratación do/a especialista correspondente”.

Xuntanza do BNG co corpo docente do Conservatorio Enrique Paisal de Ribeira

Pérez Fernández tamén denuncia que “as condicións laborais do profesorado son de precariedade. A maioría está contratado por 20 horas, horario que precisaría ampliarse para poder diminuír as ratios nas materias colectivas e para ampliar o currículo formativo que neste momento se oferta. Os últimos cursos véñennos comezando cunha planificación horaria moi superior ás 20 horas que teñen contratadas, situación que non se regulariza ata entrado xa o segundo trimestre e que non se lle retribúe nin cotiza ao persoal afectado”.

Todas estas cuestións, engade, “inciden dun xeito negativo nunhas ensinanzas que hoxe en día son unha necesidade educativa máis e que están moi valoradas polo alumnado, polas súas familias e pola sociedade en xeral”.

Por todo iso o BNG pide ao Goberno galego a súa implicación “na solución dos problemas existentes” e “que colabore en manter e mellorar uns servizos que sufragan practicamente na súa totalidade os concellos e que en moitos casos poden correr o risco de desaparecer”.