O BNG de Noia mostra unha grande preocupación polas carencias de saneamento

A deputada do BNG no parlamento galego Rosana Pérez e o portavoz da formación en Noia Ricardo Suárez veñen de amosar nunha rolda de prensa a súa fonda preocupación polas conclusións que se extraen do ‘Plan director de saneamento de Noia’.
O documento relata como “coa posta en marcha, no ano 2013, das novas estacións de bombeo principais, se produce un incremento progresivo do volume tratado pola EDAR, alcanzando o seu máximo no ano 2016”. Sen embargo, a partir do ano 2016, cando entra ao goberno o executivo liderado por Santiago Freire, o plan director sinala que “as deficiencias de mantemento cando non o abandono das novas infraestruturas de bombeo, teñen xerado unha involución nos datos de volume tratado que, de seguir a tendencia actual, rematarán por reproducir a situación precedente á execución das novas estacións de bombeo do sistema de saneamento”.
Suárez remarcou que cando o BNG participaba no goberno local 2011-2015 e tiña as competencias de urbanismo “existiu unha clara vontade de avanzar na mellora do saneamento e se traballou coa Xunta para poder facelo posible ao mesmo tempo que se lle deu prioridade dende a escala municipal ao mantemento das instalacións”. Pola contra, sinalou o voceiro do BNG en Noia, “o actual goberno ten provocado co seu abandono da rede de saneamento que esteamos volvendo aos problemáticos niveis de depuración de augas de tempos pasados”.
Ademais das fallas de funcionamento da rede de saneamento, esta aínda non chega a boa parte da veciñanza noiesa. Así o reflicte o documento, o cal indica que as faltas de conexión á rede, “en termos de poboación servida, supoñen o vertido directo do equivalente a 4100 habitantes, ademais de xerarse o vertido directo da totalidade do polígono industrial de Augalevada”. Pérez recriminou ao goberno local de Noia “que non traballe man a man coa Xunta para facer chegar o saneamento á totalidade do municipio e que se manteña impasible diante da ausencia dunha depuración efectiva das augas que proveñen do polígono industrial”.
Os nacionalistas indican que o pleno chegou a un acordo unánime o pasado mes de novembro para que unha vez fose rematado o plan director se tivese unha reunión cos redactores do proxecto na que tamén participasen os diferentes partidos políticos así como os sectores directamente interesados da sociedade civil. A pesar de que o plan director foi entregado o pasado mes de febreiro, Suárez indica que “non houbo ocasión en medio ano para facer ningunha reunión sobre esta problemática e que isto é unha mostra máis da pasividade do executivo local diante do maior dos
problemas municipais”.
Para rematar, Pérez salientou que “o BNG non vai permitir que esta situación, que afecta a miles de persoas que viven da produción da ría de Noia, siga sen solución, e que polo tanto, a formación levará a cabo unha análise pormenorizada da situación para levar a cabo propostas concretas a partir do mes de setembro”.