Noia Harp Fest pecha a súa oitava edición cun “éxito total” de público e coa intención de converter o certame “nunha referencia europea” no ano 2022

O Noia Harp Fest vén de pechar a súa oitava edición cun éxito rotundo. Logo dunha edición de resistencia o pasado verán, neste 2021 o certame recuperou e consolidou o seu carácter internacional, á vez que ofreceu unha programación na que destacou a súa pluralidade estilística e que recibiu “unha cálida e acolledora resposta por parte do público”, segundo apunta o director artístico Rodrigo Romaní.

A vila de Noia acolleu, ao longo de tres xornadas, concertos de figuras e intérpretes da arpa recoñecidas no panorama internacional. É o caso de Marianne Gubri, Tristan Le Govic, Ana Crisman ou Aiste Bruzaite; ademais de agrupacións como Basabi, Formiga e Cigale, Ysando ou mesmo do dúo conformado por Davide Burani e José Antonio Domené. O eixe vertebrador da proposta é a música producida polo instrumento, dando pé a concertos de sonoridades clásicas, folk, latinoamericanas, flamencas ou de vangarda para os que público esgotou todos os convites dispoñibles; ademais de clases maxistrais que ofrecen as arpistas participantes.

“O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia estase a converter nun certame de referencia para artistas nacionais e internacionais, que o consideran unha cita inimitable no panorama musical”, sinala Romaní, quen asevera que o festival “ten a vocación e claramente conta cos vimbios necesarios para ser unha arpística europea imprescindible do calendario estival”.

A este respecto, o director do certame afirma que a organización do Noia Harp Fest “xa ten a ollada na edición do ano que vén”, coa intención de consolidar unha aposta arpística de calidade e de referencia, nun ano no que desexa “que poidamos celebrar un festival en condicións de normalidade, polo que supón non só para o sector cultural, senón tamén para Noia e a súa contorna”.

Ao fío, Romaní saudou o bo desenvolvemento do evento, “grazas tamén ao apoio do Concello de Noia e da Deputación da Coruña”, así como do cumprimento dos protocolos de prevención covid-19 por parte do público asistente tanto nos obradoiros coma nos concertos. “Un ano máis, a resposta do público de Noia foi fantástica, calurosísima e moi respectuosa en todos os sentidos. O agarimo e coidado das e dos asistentes fan que o certame medre en cada edición e os artistas teñan Noia Harp Fest como referencia nas súas axendas”, sinala o director.

O VIII Noia Harp Fest desenvolveuse entre os días 4 e 6 de agosto en distintas localizacións da vila de Noia, como as habituais sedes da Igrexa de Santa María A Nova, a Praza do Tapal ou, por mor da choiva, o Coliseo Noela. Este ano, o certame incorporou os xardíns da Central Hidroeléctrica do Tambre, “nunha contorna natural fermosísima, cun espazo monumental industrial único como é o deseñado por Antonio Palacios, e na que tivemos ocasión de gozar de propostas semiacústicas exquisitas”, afirma Romaní.