Finalizou na Ría de Muros e Noia a XXXIII Regata Mar de Finisterre – VII Trofeo Pitusa Sabín, edicióne puntuable para o Trofeo Presidente Xunta de Galicia

Urbapaz non deu tregua en Portosín e levou a XXXIII Regata Mar de #Finisterre –VII Trofeo Pitusa Sabín

Concorrían a esta cita, organizada polo Real Club Náutico de Portosín, 30 embarcacións chegadas desde toda a comunidade galega, divididas en tres grupos de competición: ORC 1-2-3, ORC 4-5 e Open. Os dous primeiros optaban ao trofeo presidencial.
Tras unha primeira xornada de competición protagonizada polo escaso vento e a densa néboa, na que o Comité tivo que tomar a decisión de suspender a subida ata a Enseada de #Finisterre, disputouse un trazado costeiro de menos millas polo interior da ría, con dúas voltas para os Grupos do Trofeo Presidente e unha para os Open, resultando como líderes eventuais o Urbapaz, o Kanala e o Entropía, respectivamente.
Tras o segundo día na auga, a mañá dominical espertou en moi boas condicións para a navegación a vela, cunha compoñente que acomodaba o seu eixo no noroeste. Disputábanse dúas mangas ao vento, tipo barlovento-sotavento para os ORC, cunha distancia total de 8 millas por proba e 12 nós de intensidade na primeira e 9 na segunda. Os Open
trazaban unha costeira, con saída ao través da Praia de Aguieira, boia nas inmediacións do porto deportivo, proa cara á boia meteorolóxica da ría, boia fondeada preto de Punta Arnela e chegada no interior do Real de Portosín.

Na División agrupada dos ORC 1-2-3, vencía o Urbapaz, de Fran Edreira, do Club Marítimo A Penela, que tamén se facía coa xeral da Mar de #Finisterre – Trofeo Pitusa Sabín, e segunda proba puntuable do Trofeo Presidente Xunta de Galicia. Segundo era o barco da Armada Española, o Mirfak, patroneado por Diego López, da Comisión Naval de Regatas de Ferrol. E terceiro o Bon III, de Víctor Carrión, do Club Náutico Punta Lagoa.
Nos ORC 4-5, o Sadamar Alma do Mar, de José Enríquez, do Club Marítimo A Penela gañaba a División unificada, con Raygrass III, de Tom Núñez, do Club Marítimo Carrumeiro, na segunda praza. O bronce era para o Kanala, de Ignacio Ecenarro, do club anfitrión, o Real de Portosín.
Nos Open destacaba a actuación de tres barcos que defendían a grímpola anfitrioa. Por Portosín navegaban o Atlante, de Ignacio Hermo, o Entropía, de Jorge Arán e o Lubeca, de Manuel Antonio Calo, primeiro, segundo e terceiro, por esta orde.
A entrega de premios celebrouse a media tarde, coa presenza dos patrocinadores Dominga Sabín e Jacinto Hernández; o Alcalde de Porto do Son, Luís Oujo; a Conselleira do Mar da Xunta de Galicia, Rosa Quintana; o presidente e a vicepresidenta do Real Club Náutico Portosín, Jorge Arán e Pepa Castro; o Patrón Maior da Confraría San Andrés de Portosín, Isaac Gaciño; o Comodoro do club, Fernando González; así como os directivos José García e José Antonio García.