“Expulsado de Irlanda por un caso da Covid-19 o pesqueiro “Manuel Laura” “

Antón Luaces.- ​O pesqueiro “Manuel Laura”, de bandeira británica e capital galego,  navega arestora cara ao porto de Vigo após ser expulsado de Irlanda por contar entre os seus tripulantes cun caso de COVID-19 positivo e outro probable. A tripulación é maioritariamente da zona do Morrazo.


A Confederación Intersindical Galega (CIG) denuncia públicamente a denegación de auxilio e o incumprimento do Regulamento Sanitario Internacional. Diante desta situación, o sindicato nacionalista esixe que tanto a Xunta como a administración do Estado investiguen o acontecido e adopten “medidas contundentes” contra Irlanda. A tripulación do “Manuel Laura” foi vacinada uns días antes de sair ao mar, segundo explicacións do responsable do sector de Mar da FGAMT, Xavier Aboi, quen sinalou que “polo que sabemos, estando o barco en augas de Gran Sol, un tripulante comezou a sentir molestias. Chamaron, como é preceptivo, ao Centro Radiomédico de Madrid e cando chegaron ao porto de Castletownbere, en Irlanda, tiveron que vivir unha auténtica odisea”.O dirixente de CIG-Mar afirma que os mariñeiros “sufriron presións, ameazas veladas e suxerencias” e que as autoridades irlandesas dixeron que non había ambulancias dispoñibles, nen taxis para casos COVID. Aboi denuncia a negativa das autoridades a prestarlles asistencia médica e que o único que conseguiron foi que unha enfermeira subira a bordo do barco para lles facer unha PCR coa que se confirmou o positivo.Ao parecer, o barco foi obrigado a abandonar o porto e optou por regresar a Galicia, cando o Regulamento Sanitario Internacional, lembrou Xavier Aboi, “prohibe que un barco afectado por unha situación coma esta, con COVID positivo confirmado, poida sair do porto, todo o contrario do que fixo Irlanda”.En casos semellantes de barcos galegos que ían para Malvinas, pararon en portos de Brasil e Uruguai, países cuxas autoridades non deixaron sair aos buques ata tanto non se curaron os doentes ou estes foron trasladados a hospitais.A CIG esixe que, unha vez estea o barco no porto de Vigo, tanto a Xunta como a administración do Estado abran unha investigación e adopten medidas drásticas contra un país comunitario por denegación de auxilio “porque non se pode permitir que se xogue coa vida dos tripulantes galegos”, sinalo Aboi.Reclama, amáis, que se explique “que pasou, por que Irlanda se negou a atender aos tripulantes e que medidas van adoptar”, e rexeita con contundencia o que considera unha “chantaxe” de Irlanda.