En Muros a vindeira semana empezan as obras de mellora do firme na estrada AC-550

A Xunta comezará a vindeira semana as obras de mellora do firme na estrada autonómica AC-550 en Muros.
A execución destas actuacións fará necesario o corte dun carril a partir do luns, cando está previsto que comecen os traballos, dando paso alternativo polo outro. A alternancia de circulación será regulada mediante semáforos.
A intervención, adxudicada á empresa MICROASFALT SLU por preto de 32.000 euros, estará rematada na primeira semana de setembro, sempre que as condicións meteorolóxicas sexan axeitadas.
Os traballos desenvolveranse no treito comprendido entre os puntos quilométricos 34+000 e 35+150 e teñen por obxectivo mellorar as características superficiais da calzada, nunha zona na que se teñen producido recentes saídas de vía.
Dado que o estado estrutural do firme é bo, cómpre mellorar as propiedades superficiais da estrada nese treito dotándoa dun maior rozamento transversal que favoreza a adherencia e a seguridade viaria. Para iso, estenderase unha capa de microaglomerado en frío nos carrís de circulación da estrada.
A reparación nesta zona dálle continuidade ao traballo realizado nos últimos anos de mellora do firme entre os puntos quilométricos 35+150 e 35+500 desa mesma vía.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade continúa traballando na conservación e mantemento da rede viaria autonómica co fin de reforzar a seguridade e a comodidade dos usuarios.