En marcha unha nova campaña para a promoción dos nosos produtos: Galicia sabe a mar

A Consellería de Mar presentou este 6 de agosto unha nova campaña para promover os nosos produtos pesqueiros: Galicia sabe amar. A iniciativa incide “na importancia de comer peixes e mariscos” e na “gran variedade de produtos da máxima calidade que o complexo mar-industria de Galicia pon a disposición dos consumidores”. Foi dada a coñecer polo vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira do mar, Rosa Quintana.

Rueda e Quintana destacaron a capacidade do turismo para poñer en valor a calidade das materias primas da comunidade e incidiron en que a gastronomía é o segundo motivo, despois da natureza, polo que os turistas escollen Galicia.

A titular de Mar subliñou que este tipo de accións son “máis importantes ca nunca en plena alerta sanitaria polo coronavirus”, durante “a que o sector viu como aumentaba a demanda de produtos do mar por parte dos fogares ao tempo que caía na hostalería e restauración como consecuencia das distintas restricións aprobadas para frear a expansión da pandemia”. Así, dixo que “aínda que os índices de consumo de peixe por parte das familias galegas son bos en relación con outras comunidades, hai moita marxe de mellora neste eido”.

Sinalaron tamén que esta campaña dá continuidade a O noso mar, marca e O mar que nos move e está pensada e deseñada para chegar ao conxunto da cidadanía a través dos medios de comunicación convencionais e tamén das redes sociais. Tamén destacaron que Galicia sabe amar pon o acento “de maneira fresca” sobre a calidade e grande variedade de produtos do mar cos que conta a nosa terra.

O acto de presentación contou coa participación dos responsábeis do deseño da campaña e estivo conducido polo actor e humorista galego David Amor.