En Aguiño, comezan as obras de mellora na rúa das Américas

31 Agosto 2021

O Concello de Ribeira confirmou o inicio das obras de renovación dos servizos e pavimentado da rúa das Américas en Aguiño. Os traballos están sendo realizados pola empresa Oviga (Obras y Viales de Galicia, S.L.) e comportan un investimento de 144.420 euros, IVE incluído.

O obxectivo, en palabras do Concello, “é mellorar a contorna a través da substitución tanto das beirarrúas de baldosa hidráulica e do aglomerado asfáltico (que están en mal estado) como dos servizos de auga para consumo, saneamento e pluviais, actualmente deficitarios”.

Con este obxectivo elaborouse un proxecto técnico que inclúe a instalación dunha tubaxe de polietileno de alta densidade con 90 milímetros de diámetro para a auga potábel. “Búscase non só emendar as eivas no subministro existente senón tamén o previsíbel aumento da demanda na zona”, engadiron fontes do Concello, explicando as acometidas efectuaranse aos edificios alí situados.

Para o saneamento de fecais instalarase un colector de PVC de 315 milímetros de diámetro, con pozos de rexistro cada 40 metros e nas conexións cos colectores existentes. No tocante ás pluviais colocarase un colector de PVC de 315 milímetros de diámetro que conducirá as augas ás redes situadas na rúa Francisco Lorenzo Mariño (cada 30 metros instalaranse sumidoiros sinfónicos e cada 40 pozos de rexistro).

En canto aos pavimentos, demoleranse os actuais e “tras o oportuno acondicionamento da zona” construiranse beirarrúas de formigón continuo desactivado e se aplicará aglomerado asfáltico en quente ao firme da calzada.

A intervención está enmarcada no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (Plan Único de Concellos) POS+ 2020.

O prazo de execución son seis meses.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión