Arrinca o Noia Harp Fest reivindicando a música en dúas localicacións espectaculares: Santa María A Nova e a Central do Tambre

Comezou finalmente en Noia, este 4 agosto, un dos festivais musicais e artísticos máis destacados da xeografía galega, non só pola súa capacidade para aglutinar talentos de todos os recantos de Europa e América, senón tamén pola calidade do seu programa de actividades e por terse convertido nun referente único en materia dun instrumento igualmente único: a arpa. Estamos a falar do Noia Harp Fest, senlleiro acontecemento musical e divulgativo centrado na cultura arpística (o único da contorna do noroeste europeo centrado nesta temática).

A organización do festival, que se celebra até o 6 de agosto, compartiu con nós as primeiras imaxes das actividades. Corresponden ao obradoiro de arpa que a intérprete Marianne Gubri impartiu este mércores 4 na Santa María A Nova e ao concerto de apertura, da propia arpista italiana, que tivo lugar nos xardíns da Central Hidroeléctrica do Tambre (nova sede desta edición do certame, que conta co apoio do Concello de Noia e da Deputación da Coruña).

Referente internacional

Noia convértese estes días nun punto de encontro para músicos de toda Europa e América, procedentes de Italia, Bretaña, Lituania, Francia, Paraguai, Galicia, Euskadi, Cataluña e Andalucía. Acudirán artistas tan sobranceiros como a italiana Marianne Gubri, o bretón Tristan le Govic (en formato trío), a andaluza Ana Crisman e agrupacións como a banda vasca Basabi. Por estilos, o abano de proposta achégase amplo e variado (música clásica, folk, flamenco, vangarda), malia ser a arpa o nexo común das contribucións.

Como dixemos, o Noia Harp Fest incorpora este ano un novo escenario a ceo aberto, os xardíns da Central Hidroeléctrica do Tambre, que se suma ao habitual da praza do Tapal; mentres que Santa María A Nova acollerá os obradoiros de arpa.

Están previstos concertos gratuítos para o público, ao aire libre, de intérpretes destacados deste instrumento.

Nesta edición do Noia Harp Fest tamén estarán presentes, como é habitual, os músicos galegos. É o caso de Pedro Lamas. O creador e compositor acompañará a Aiste Bruzaite nun concerto de kanklès, un instrumento de corda popular lituano moi popular neste país e na súa contorna.

Obradoiros de arpa

Unha das novidades respecto da pasada edición é que Noia Harp Fest retomará neste 2021 algunha das súas actividades formativas e divulgativas paralelas habituais. É o caso dos obradoiros impartidos polos participantes do festival, que ofrecerán clases maxistrais ao alumnado deste instrumento en Santa María A Nova. Serán tres sesións diferentes, nas mañás dos días de celebración do festival, nas que Marianne Gubri (onte, mércores 4), Aiste Bruzaite (xoves 5) e Ana Crisman (venres 6) compartirán os seus coñecementos con novos instrumentistas galegos.

Toda a información sobre estes talleres e o proceso de inscrición está dispoñíbel na páxina web do certame, www.noiaharpfest.gal, na que o público tamén pode consultar tanto os datos da programación como a información pertinente para proceder á reserva de entradas.