Aprobada a moción dos socialistas de Noia para recoñecer a Caetano Horta como fillo predilecto

Os socialistas de Noia informan da aprobación en pleno ordinario, o pasado xoves, da moción do grupo local do PSOE na que se pedía instar ao Concello de Noia á iniciación do procedemento de nomeamento como fillo predilecto de Noia ao deportista olímpico Caetano Horta Pombo, ou “o recoñecemento que segundo o regulamento de honras e distinción corresponda”.

O voceiro socialista Roberto Iglesias, argumentou a súa proposta porque “trátase de un fito histórico a participación do deportista noiés nos Xogos Olímpicos de Toquio, sumado a consecución do diploma olímpico despois dunha extraordinaria competición xunto ao seu compañeiro Manel Balastegui”.

A moción motivou un intenso debate que se prolongou durante 50 minutos. Logo da intervención na que o grupo municipal do BNG mostrou o seu apoio á proposta, o grupo dos independentes pediu que se modificase a mesma para que non se incluíse a frase que indica nomear fillo predilecto ao deportista antes de tratar a proposta na comisión, e a falla dos informes pertinentes. Os socialistas responderon a este punto que “modificando a proposta como fixeron na comisión informativa, xa se incluíu que será a comisión a que decidirá o recoñecemento axeitado”. Porén, o voceiro socialista remarcou que “nós baseamos a nosa proposta na participación histórica nos Xogos e o resultado obtido, polo que non precisamos de ningún informe para ter claro que consideramos o feito como algo histórico e dunha trascendencia maiúscula para a nosa vila, e que debe ser nomeado fillo predilecto”.

Finalmente producíuse a votación, na que a proposta foi aprobada por todos os grupos e coa abstención da Marea.