Un amplo dispositivo fixo posíbel a liberación dos arroases atopados en Taragoña

Finalmente a complexa situación na que remataron catro golfiños á altura do porto de Taragoña, que tiveron que ser rescatados logo de ficaren varados tralo devalo da marea, rematou da mellora maneira: coa súa liberación, sans e salvos, nas augas máis profundas da illa de Rúa, en Palmeira.

O rescate, como sinalamos onte dende O Barbanza, foi posíbel grazas a un amplo dispositivo dirixido pola Coordinadora para o estudo dos mamíferos mariños (CEMMA) e formado por efectivos da Policía Local e Protección Civil de Rianxo, da Confraría de Rianxo, do Concello e dos Gardacostas. Os catro cetáceos rescatados eran catro exemplares de golfiño común (Delphinus delphis),

Esta manda, formada por catro exemplares, puido decidir resgardarse neste punto da ría de Arousa en busca de alimento ou para evitar un ataque por parte de arroaces. Tampouco se descarta que a súa entrada da ría estivese motivada pola presenza de candorcas fóra da ría, que foron albiscadas estes últimos días na zona de Corrubedo.

Así, na xornada de onte, xoves 22, —tras o aviso ao 112 por parte dun condutor de camión que facía a ruta Padrón-Ribeira— alertouse da presenza de catro golfiños varados ao pé do viaduto de Taragoña da autovía do Barbanza, nun punto de difícil detección e só accesíbel desde a súa posición.

Neste caso eran catro machos de entre 186 e 204 cm de lonxitude, todos sen feridas relevantes, conscientes, activos e ben de saúde e peso, aínda que con síntomas de estrés.

Para a súa liberación, mobilizáronse dúas unidades móbiles, co fin de retiralos da lameira no lado dereito da enseada e evacualos por terra. Unha vez que subiu a marea, dous exemplares foron embarcados na lancha da Confraría, outro na de Protección Civil e o último na de Gardacostas, que se dirixiron ata a illa da Rúa, onde foron liberados.

Cinco golfiños en Palmeira

Por outra banda, o mércores 21 recibiuse unha alerta dende o porto de Insuela en Palmeira sobre a presenza de cinco golfiños nadando en círculos. Estes exemplares permaneceron separados da costa, a unha distancia máxima de 200 metros, aínda que co paso das horas foron achegándose á beira. En todo caso, un equipo de Protección Civil de Ribeira descartou a presenza da manda, tras unha inspección realizada a primeira hora do xoves. Porén, mentres se procedía á liberación dos golfiños de Taragoña, recibiuse unha nova chamada para confirmar a presenza destes cinco golfiños en Palmeira. Así, mobilizáronse dúas embarcacións para intentar sacalos do porto, pero dado que se atopaban nadando xuntos e realizando mergullos, saltos e longas inmersións, non foi necesario actuar.