Suma Ribeira defenderá en pleno a creación dun plan anual para o mantemento de infraestruturas municipais

Suma Ribeira levará ao próximo pleno extraordinario da Corporación de Ribeira a proposta pendente de debate o pasado luns na que propón o deseño dun Plan Anual de Mantemento de Infraestruturas, co “obxecto de acadar equilibrio orzamentario entre as xa existentes e as de nova construción”.

Xurxo Ferrón, concelleiro de Suma Ribeira, nunha imaxe de arquivo

A formación política considera que “urxe unha iniciativa destas características ante o mal conservadas que están boa parte delas, un estado de abandono que raia a desidia”, explican, e que “debe corrixirse a través dos servizos municipais e, de non ser posíbel por cuestións legais, a través de persoal externo ao Concello”, engade a agrupación.

Para Suma Ribeira, é “imprescindíbel un cambio de prioridades, pois nos últimos anos vimos como foron medrando os investimentos en novas actuacións fronte aos necesarios traballos para o sostemento axeitado das existentes”.

Neste sentido, o concelleiro de Suma Ribeira, Xurxo Ferrón, chama a atención “nos investimentos millonarios feitos na pasada lexislatura, e mesmo na presente, en novas infraestruturas que buscan, ás veces, máis a excelencia estética que o cumprimento dos requirimentos técnicos básicos e que xeran novos gastos de conservación anual que provocan o descoido doutros equipamentos, nomeadamente nas parroquias”.

Para Ferrón, o investimento en pavimento de grandes lousas de pedra de pedra en rúas céntricas da capital do concello “resultou ser un fracaso” xa que “son pavimentos que, baixo a ben soante e moi usada desculpa da humanización, acapararon importantes partidas de axudas doutras institucións e que nos últimos anos están supoñendo importantes e reiterados custes na súa reparación e substitución, xunto con continuas queixas polo ruído que xeran”.

Ante o exposto, Suma Ribeira propón:

1.- Que se faga unha planificación anual de mantemento de infraestruturas e se acometa polos servizos municipais, “que consideramos deben ser reforzados”. No caso de que non se poida facer por cuestións de tipo legal, Suma Ribeira pide que “se acometan por persoal externo ao Concello”.

2.- Que na web municipal sexa habilitado un espazo dedicado a reclamacións e suxestións relacionadas co mantemento das infraestruturas e instalacións públicas.

3.- Que para facilitar o coñecemento e valoración do esforzo en materia de mantemento e conservación, “figuren explicitamente nos orzamentos municipais as partidas económicas destinadas ao mesmo, e, asemade, a súa distribución xeográfica”.

4.- Que en todas as novas actuacións en infraestruturas e equipamentos figure “unha cuantificación da previsión en custes de mantemento”.

5.- Que “de acordo coas demandas das veciñas se vexan incrementados progresivamente os orzamentos destinados a conservación e mantemento.

Recortes Sanidade

Por outra parte, Suma Ribeira, ante o que considera “unha decisión inxustificada por parte da Xunta de eliminar unidades de infantil no CEIP Plurilingüe de Palmeira”, agarda que saian adiante as iniciativas que se debaterán no pleno extraordinario do día 2 (que ficaron pendentes na sesión pasada) e “haxa un compromiso de toda a Corporación municipal para facer chegar ao Goberno as queixas e demandas da comunidade educativa do CEIP, así como as do IES Número 1 de Ribeira, ao que tamén se lle vén de comunicar a supresión de dez prazas de profesores”.