Stop Deshaucios Barbanza xestiona catro novos casos de familias en risco da nosa comarca

Stop Deshaucios Barbanza, a plataforma solidaria que coordina o noso compañeiro José Manuel Pena, segue adiante co seu incansábel e desinteresado labor para evitar que máis familias en risco da nosa contorna sigan a quedar na rúa, despoxadas da súa vivenda (un dereito básico e fundamental).

Estes meses de verán a plataforma ten varias liñas de traballo abertas, que pasamos a detallar máis abaixo:

· Un coñecido prestamista interpuxo unha execución hipotecaria contra unha familia humilde dunha parroquia do municipio de Ribeira e que podería perder a súa vivenda habitual por ter hipotecario a súa vivenda como garantía para un familiar que necesitaba un préstamo persoal, pola súa delicada situación económica. O procedemento séguese ante o Xulgado número 3 de Ribeira.

· O grupo Global Pantelaria promoveu xudicialmente un desaloxo contra unha familia humilde de Noia, sobre a súa vivenda habitual. O procedemento dirímese ante o Xulgado número 1 de Noia e a familia atópase representada pola letrada noiesa, Carmen Gómez.

· Unha familia de Ribeira afectada por unha execución hipotecaria está a negociar coa entidade financeira de Abanca para poder adquirir novamente a vivenda que xa fora poxada en favor da devandita entidade financeira. A mellora da situación económica familiar favoreceu esas pretensións.

· Unha familia de Ribeira que sufrira hai escasos meses un desaloxo por falta de pagamento de aluguer, padeceu unha perda irreparábel (falecemento) dun dos seus membros. Segundo informou a plataforma Stop Deshaucios, a nai atopábase ingresada no Hospital Provincial de Santiago por unha grave doenza e estaba previsto que en canto se recuperara lle sería xestionado, por parte da Xunta, o ingreso nun centro residencial. Hai unhas semanas non puido superar a dita doenza e faleceu. A pesar da escaseza de recursos económicos, o fillo (sen ingresos nin traballo), tivo que facer fronte aos gastos do enterro, pedindo axuda económica a varios amigos e veciños.