Outes destinará 60.000 € a melloras no CEIP

O Concello de Outes vén de aprobar en pleno unha partida de 60.881 € destinada a melloras nas instalacións do CEIP de Outes. Estes recursos destinaranse a obras solicitadas pola comunidade educativa do colexio e terán por obxecto a mellora e ampliación das aulas de educación infantil así como unha actuación para ampliar un almacén de usos múltiples do colexio. O alcalde, Manolo González, indicou que a actuación nas aulas de educación infantil é urxente debido ao pequeno tamaño das mesmas, máxime nunha situación pandémica como a que estamos aínda a vivir. “Debemos apostar por espazos amplos pois son os desexables, tanto dende o punto de vista sanitario como dende o educativo”, apuntou González.

O alcalde tamén lle pedíu á Xunta de Galicia que se implique na mellora das instalacións do CEIP de Outes ao igual que o está a facer o concello que, con esta actuación de carácter excepcional “excede as súas responsabilidades, que se circunscriben a labores de mantemento e limpeza do recinto”. En particular, sinalou que é de vital importancia arranxar e mellorar o ximnasio do colexio, “pois hai moitos anos que estas instalacións están en moi mal estado e é responsabilidade da Xunta acometer as melloras necesarias”.

González fixo referencia á polémica suscitada nos pasados días polos recortes no CEIP de Outes, reprochándolle á Xunta que non teña en conta as necesidades específicas dos concellos rurais en materia de educación, onde o sistema educativo debe xogar un papel activo na fixación de poboación nova. Tamén aplaudíu o traballo desenvolvido pola ANPA e pola dirección do colexio para evitar recortes de persoal o vindeiro curso, e instou á Xunta a que manteña as dúas coidadoras que desenvolveron o seu traballo no curso pasado pois “as necesidades son exactamente as mesmas”.