O Son e Ribeira inician en agosto un obradoiro de emprego centrado en traballos de urbanización

Os Concellos de Porto do Son e Ribeira van desenvolver conxuntamente un obradoiro de emprego centrado en traballos de pavimentado e albanelería de urbanización. A actividade formativa iniciarase o vindeiro 9 de agosto e está dirixida a mozos e mozas en situación de desemprego de 18 a 29 anos.

Traballos recentes de pavimentado levados a cabo na rúa Escorial, en Ribeira

Os dous Concellos comezaron esta semana facendo un chamamento a todas as persoas en paro desta franxa de idade que cumpran os requisitos (cómpre posuír a ESO ou competencias clave nivel 2) para que, de non estaren xa, “se inscriban esta mesma semana no Programa de Emprego de Garantía Xuvenil coa fin de poder optar a ser seleccionado para esta escola taller, proceso que principiará o vindeiro luns”.

Doce meses de duración

O obradoiro levará o nome de Serra do Barbanza e contará cunha duración de doce meses nas que 16 mozos e mozas terán a oportunidade de formarse na citada especialidade ao tempo que cobran un soldo.

Para máis información pódese contactar coa Axencia de Desenvolvemento Local (ADL) do Concello de Ribeira, sita na Oficina de Atención Cidadá.