O PBBI solicita máis seguridade e melloras de mantemento no barrio das Abesadas

O Partido Barbanza Independente (PBBI), a través do seu concelleiro Vicente Martiño, presentou unha moción ao pleno da Corporación municipal de Ribeira referida ao barrio das Abesadas, onde a agrupación solicita unha serie de melloras para frear “o abandono da contorna”.

En concreto, o PBBI aposta por poñer a punto as rúas, beirarrúas e iluminación, e acometer “as necesarias reparacións e labores de mantemento para evitar que a deterioración existente vaia en aumento”. A agrupación tamén pon o foco “na falta de limpeza de herbas e de beirarrúas, ademais de que practicamente non hai papeleiras nas que depositar ou tirar residuos, tal e como nolo fan saber os veciños dese barrio”.

Igualmente, piden máis mantemento na sinalización viaria, nas zonas verdes e nos parques e, tamén, reparacións integrais do pavimento dalgunha beirarrúa. A maiores, requiren que se solucione “a falta de vixilancia nas zonas de carga e descarga”, un problema de seguridade que afectaría a todo o barrio e que se traduce, “tal e como o evidencian sucesos rexistrados recentemente”, en “roubos con forza e con violencia, así como en detencións dalgúns individuos”.

O PBBI di ter escoitado as queixas da veciñanza e que “non son poucas as persoas que recoñecen ter medo ao saír de noite ou a determinadas horas do día polas rúas do barrio de Abesadas, e que de pouco ou nada están a servir algunhas patrullas esporádicas por parte das forzas de seguridade”.