O BNG pide atallar o vandalismo e a inseguridade en Bandourrío

De todos os barrios de Ribeira que foron castigados estes anos coa vertente máis negativa da movida nocturna, sen dúbida é a contorna histórica de Bandourrío o que se levou a parte. Sen ben durante o confinamento e os meses duros da pandemia, a veciñanza do barrio puido recuperar a dereito perdido ao descanso, na desescalada volveu novamente a xolda nocturna e, por desgraza, a súa peor faciana, un grave problema para os veciños que cada fin de semana volven ver as rúas convertidas nun inferno de berros, pelexas, lixo e vandalismo ata altas horas de madrugada, co agravante dunha COVID-19 que segue a subir en parte impulsada por este tipo de hábitos.

Os representantes locais do BNG perante a histórica Fábrica de Cerqueira, en pleno corazón de Bandourrío

En consecuencia, coa inseguridade diaria medrando a paso de xigante, o barrio degrádase e quédase baleiro de xente, malia ser unha parte fundamental do núcleo histórico da cidade. Tendo en conta estes e outros problemas, o BNG impulsou estes días unha petición ao Concello para atallar o vandalismo e a inseguridade.

Para a agrupación, malia que estes feitos se repiten cada semana e en diversos recantos do concello, non só en Bandourrío, o vandalismo perpetrado esta pasada fin de semana chegou a un nivel especialmente grave, tal e como reflectimos dende O Barbanza este mesmo domingo. A isto, sinala a agrupación, “súmanse os roubos que afectan a negocios ou particulares no concello de Ribeira, ámbalas dúas cuestións xerando problemas e inseguridade entre a veciñanza”. Para o BNG, “a falta de efectivos na Policía Local e da Policía Nacional é sobradamente coñecida, distando moito do que a normativa vixente estima como recomendábel. Por desgraza esta situación é aproveitada por ladróns e persoas que causan estragos no mobiliario público e en bens de particulares”.

O BNG lembra que se ben “as directivas da Unión Europea recomendan contar cun número de 1,8 axentes por cada 1.000 habitantes, Ribeira atópase lonxe desa cifra, ao contar cun cadro de policías moi minguado; e así, relacionando a poboación de algo máis de 27.000 habitantes que ten Ribeira coa cifra antes mencionada de 1,8×1.000, danos que deberíamos contar con 49 axentes”.

O concelleiro nacionalista, Luís Pérez Barral argumentou que ademais “cómpre termos en conta que Ribeira é unha cidade de servizos e cuxa poboación flotante diaria é moi superior ao padrón municipal, ao que se lle suma o incremento en datas estivais por mor do turismo”.

O BNG pon de manifesto que cando se aprobou a Relación de Postos de Traballo (RPT) de maneira unilateral por parte do PP, xa denunciaran que “non se recollía a dispoñibilidade horaria que viñan prestando anteriormente os axentes da Policía Local, co cal ía resultar difícil cubrir baixas, servizos especiais e mesmo aumentar o servizo nocturno”.

Para Pérez Barral “o labor que realiza a Policía Local é positivo mais só conta cun número reducido de axentes efectivos, co que resulta imposíbel garantir a seguridade en todo o municipio”. Segundo os nacionalistas “o desleixo do Partido Popular con este tema é notorio pois non fixo nada para mellorar un servizo tan importante para a poboación como é a seguridade pública malia as continuas denuncias por roubos, actos vandálicos, problemas de ruído, inseguridade, etc”. E engade: “Cómpre termos en conta que ante a situación de pandemia é necesario dispoñer dun maior número de efectivos cos que facer posíbel os labores propios de vixilancia policial pero tamén do seguimento necesario para que se cumpran as normas sanitarias que eviten o aumento de contaxios provocados pola COVID-19” asegura Pérez Barral.

A agrupación solicita que se convoque de urxencia a Xunta de Seguridade Local e a Comisión Informativa de Mobilidade e Seguridade Cidadá para “afrontar os problemas que se rexistran en Ribeira e tomar medidas efectivas para garantir a seguranza de comercios, vivendas e particulares”. O BNG demanda que o Concello, en coordinación coa Policía Nacional, “aumente as patrullas e os percorridos que fai a Policía Local como medida de garantir unha maior presenza policial na rúa e contribúan a aumentar a seguridade polas noites, así como garantir o cumprimento das normas sanitarias evitando un aumento nos contaxios por COVID-19.”

Por outra banda, o Bloque tamén anunciou que se vai reunir coa veciñanza de Bandourrío para “escoitar as demandas que queiran trasladar os veciños e veciñas desta zona, moi preocupados polo abandono que sofre este barrio en todos os sentidos pois rexistra falta de investimentos, problemas de seguridade, falta de limpeza, etc”.