Néstor Rego fai unha proclama en Ribeira a prol dunha maior defensa dos intereses galegos en Madrid

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, estivo este 15 de xullo en Ribeira para poñer o foco na necesidade de “que Galiza teña voz propia en Madrid”, co obxectivo de conseguir máis unha meirande repercusión na defensa dos nosos intereses, dos cales o mar, un dos grandes piares económicos da nosa comarca, segue a ser un dos principais.

Rego debullou ante a veciñanza as vantaxes que implicaría acadar grupo parlamentar do BNG propio no Congreso. “No que vai de mandato”, dixo, “non houbo tema que afectara ao noso país que non fora levado ao Congreso”. Entre estas cuestións atopábase a cuestión mar-industria, ou sexa, “o futuro da frota pesqueira galega”. Tamén foron presentadas polo BNG propostas para a mellora das nosas infraestruturas ferroviarias, para acadar rebaixas na AP-9, para incidir no mantemento da industria ou para frear o espolio enerxético, sinalou o deputado.

Durante o encontro coa cidadanía de Ribeira, o deputado nacionalista destacou a defensa “coherente e insubornábel dos intereses da Galiza e da clase traballadora” desde a súa toma de posesión no Congreso. Foi, dixo, “unha voz galega comprometida coa defensa do país desde o primeiro minuto, como se puido comprobar co acordo de investidura acadado pola formación do BNG que logrou desbloquear a Axenda Galega após catro anos sen representación do nacionalismo galego na cámara española”.

Asemade, Rego recoñeceu que o BNG seguirá a exixir unha transición xusta nos concellos afectados polo fechamento das centrais térmicas. “Apostamos por un modelo de produción enerxética que garanta a preservación do noso territorio e o noso medio fronte ao espolio das grandes multinacionais, tal e como o estamos a ver agora cos múltiples macroproxectos eólicos que ameazan o noso medio natural, o noso mar e o noso patrimonio”, sinalou, engadindo que entre os obxectivos da súa agrupación está o de “seguir reclamando a modernización das nosas infraestruturas de comunicación”, emprestando especial atención á rede ferroviaria, “un medio de transporte sustentábel co medio ambiente e que favorecería o desenvolvemento galego”.

Así mesmo, o Rego lembrou a loita institucional que encabezou o BNG para salvar o complexo mar-industria do país durante o debate da Lei de Cambio Climático no relativo ao artigo 18 -agora artigo 20- onde defendeu a necesidade de regular “con criterio social e ambiental a ocupación do dominio público marítimo terrestre”. A emenda presentada pola formación nacionalista, e rexeitada polos socios de Goberno e polo PP, “permitiría manter o previsto no artigo en relación coa ocupación do litoral por actividades agresivas co medio, mais ao mesmo tempo preservar as actividades sustentábeis da costa galega e salvagardar a totalidade dos empregos que, caso contrario, se porían en risco”, engadiu.