Muros acolle esta fin de semana a feira da Artesanía de Galicia organizada pola Xunta

15 Xullo 2021

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través da Fundación Artesanía de Galicia, organiza esta fin de semana a feira Artesanía de Galicia en Muros, co obxectivo de impulsar a comercialización dos produtos da marca e divulgar os oficios que engloba o sector. Así o explicou esta mañá a xerente da Fundación, Elena Fabeiro, durante a presentación deste evento que se levará a cabo o sábado 17 e o domingo 18 na praza de abastos e que conta coa colaboración do Concello de Muros.

A xerente sinalou que, con esta iniciativa, a Xunta busca apoiar ao sector artesán galego na súa adaptación a novos hábitos de consumo e a novas fórmulas de comercialización dos seus produtos. Fabeiro quixo destacar tamén que este tipo de propostas supón unha das vías máis efectivas para achegar a artesanía á sociedade, especialmente aos máis pequenos, ao mesmo tempo que contribúen a visibilizar a marca Artesanía de Galicia, os oficios artesanais e a fomentar o relevo xeracional.

Serán 17 os obradoiros de Artesanía de Galicia que participen esta fin de semana no evento organizado en Muros, correspondendo a diferentes ramas do sector como a cerámica e olería, a xoiería, xoguetes de madeira, elaboración e reparación de redes, vidro, bordado, esmalte, calceta e cestería. As marcas que participan como expositores son Arobe Cerámica e Arteviares (A Coruña); Laura Triñanes, Variopinto e Io Obradoiro Textil (Santiago de Compostela); Ana Méndez Cerámica (Pazos de Borbén); Artesanía Silvent (Caldas de Reis); Ceramicaq (Gondomar); Como Cuando (Vigo); Design Orfebres (Ourense); Mar Barral (Catoira); Obradoiro Gorín (Malpica de Bergantiños); Pilar Piñeiro Cerámica (Cangas); Redeiras Artesás (Ponteceso); e Tejeluz (Boiro).

Ademais, no mesmo horario da feira –de 11:30 a 14:30 e de 16:00 a 21:00 horas– terán lugar dous obradoiros abertos para familias: un sobre pintura decorativa sobre madeira, impartido pola artesá Leonor Díaz, de Como pez en el agua (Vigo); e outro de iniciación á cestería, a cargo de Julia de la Cal, do obradoiro La Parabólica (O Porriño).

Mostra ‘Enredadas’

O evento Artesanía de Galicia en Muros coincide co remate da exposición itinerante Enredadas, que se pode visitar no Muíño das Mareas do Pozo de Cachón de Muros ata este domingo 18 de xullo. Trátase dunha mostra de fotografías, realizadas por Miguel Vidal, onde se poden ver os resultados dos últimos cursos de formación realizados en Buño a finais do pasado ano e nos que as redeiras aplicaron as técnicas do oficio tradicional de elaboración e reparación de redes aos ámbitos da moda, dos complementos e da decoración de interiores.

A mostra parte do proxecto de boas prácticas homónimo, froito da colaboración desde o ano 2012 da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación –a través de Artesanía de Galicia– e a Consellería do Mar para promover a diversificación do oficio tradicional das redeiras artesás galegas.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Estratexias kafkianas” – José Manuel Pena

“Estratexias kafkianas” – José Manuel Pena

Despois de tantos anos de período democrático e de liberdades en España, queda de manifesto que o espírito da transición durou o xusto e necesario para que se producise unha amnistía xeral de todos os crimes cometidos durante as catro décadas da ditadura militar...