En Ribeira adxudicáronse actuacións por máis de 9,5 millóns de euros no que vai de ano

O Concello de Ribeira fixo balance das actuacións adxudicadas ao longo do primeiro semestre de 2021, proxectos que viñeron, na súa totalidade, cunha contía de máis de 9,5 millóns de euros. En palabras do Goberno local, o semestre “pasará por ser un dos de meirande investimento público municipal na historia do Concello de Ribeira”.

Traballos (con data neste 7 de xullo) para a construción do novo Auditorio Municipal, na praza do Centenario

En concreto, os distintos procedementos de contratación impulsados traducíronse en que entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño do presente exercicio se aprobase a adxudicación dun total de 38 expedientes por un importe global de 9.549.017,16 euros.

O Concello engade que dúas das adxudicacións aglutinan máis do 75% desta contía, estando ambas destinadas a satisfacer as necesidades do conxunto da cidadanía do termo municipal. Por unha banda, o investimento máis elevado correspóndese coa construción do novo Auditorio Municipal na praza do Centenario: unha intervención que ascende a 3.977.964,69 euros, estando co-financiada con fondos propios, fondos europeos FEDER e achegas da Xunta de Galicia.

O outro gran investimento é relacionado cos servizos de mantemento das estacións depuradoras de augas residuais de Couso e Corrubedo, encomendados a Sociedad de Fomento Agrícola Castellonense S.A. no pasado pleno de xuño por 3.368.919,15 euros para un período de tres anos.

A terceira actuación e importancia orzamentaria, por valor de 284.707,00 euros, tamén destinada a atender á veciñanza de todo o municipio así como aos seus visitantes, sería a construción do novo apeadoiro central da estación de autobuses fronte á praza Heroínas de Sálvora, actualmente en fase de traballos previos ao arranque da obra.

Nas parroquias

O Concello salienta que máis dun millón de euros (en concreto, 1.276.425,32 euros) estiveron destinados a melloras nos servizos e infraestruturas nas oito parroquias do municipio distintas á capital Santa Uxía. Entre elas, figuran a última fase do Centro Social de Carreira, o pavimentado da estrada da Axeitos iniciada este mesmo 6 de xullo, o parque infantil do colexio de Artes, a pavimentación da estrada de Bretal a Reiriz en Olveira, a renovación de Servizos na rúa do Vilar en Palmeira, unha actuación complementaria nas rúas Delicias e Dunas en Corrubedo, a renovación da rede de abastecemento na Mámoa (Carreira), a segunda fase da dotación de beirarrúas e pluviais na Ameixida (Castiñeiras), o acondicionamento do entorno do Conservatorio de Aguiño, a segunda fase das beirarrúas en Gándara (Oleiros), a pavimentación dun camiño en Sego (Artes), a renovación de servizos na rúa das Américas (Aguiño), a pavimentación dun camiño na Gándara (Artes), a renovación de servizos no Falcato (Corrubedo) e a renovación da liña de abastecemento nun tramo da estrada DP-7305 ao seu paso por Carreira, entre outras.

No que se refire á cidade de Santa Uxía, o Goberno local salienta intervencións similares como a renovación de servizos e pavimentado na avenida da Coruña, a dotación de beirarrúas e pluviais en Cubeliños, a pavimentación con plataforma única de Romero Ortiz, a pavimentación da praza da Amarella, a renovación de luminarias nas rúas de Lugo, Rosalía de Castro e Galicia; a instalación de pluviais nun camiño de Deán Grande, a ampliación da rede de auga potábel na rúa Agro da Area e a renovación da liña xeral de abastecemento no parque García Bayón. Suman un total de 532.425,25 euros.

Consonte co anterior e descontando as referidas actuacións destinadas a atender o global do municipio, o investimento por habitante en obras nas parroquias ascende a 94,55 euros/habitante, mentres que en Santa Uxía de Ribeira é de 39,43 euros/habitante.

Reforzo

O Concello tamén fixo saber que sacar adiante todos estes expedientes “supuxo un importante esforzo por parte do departamento municipal de Contratación”, que se veu reforzado cunha traballadora máis.