BNG urxe retirar o amianto da praia da Barquiña en Noia

O Bloque Nacionalista Galego, a través do seu deputado no Congreso, Néstor Rego, presentou unha petición na que urxe á retirada inmediata de amianto na praia da Barquiña, en Noia. En concreto, a agrupación demanda ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que adopte as medidas necesarias para liberar o dito areal as tubaxes de fibrocemento reforzadas con amianto alí abandonadas. Segundo advirten, trátase dun grave problema de insalubridade e contaminación que non é exclusivo de Noia, polo que o Goberno debera habilitar liñas de financiamento para as localidades afectadas polo amianto, así como estabelecer un plan de retirada urxente nos edificios públicos de titularidade do Goberno do Estado.

“Sábese desde comezos do século XX que o amianto era canceríxeno mais, pese ao incremento dos casos detectados, no Estado español non se prohibiu a súa utilización nin a súa comercialización até 2002” lembra o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. Así mesmo, destaca que no caso da localidade de Noia, comezouse a construción integral en 1995 e durante esta actuación, instaláronse na praia da Barquiña tubaxes de fibrocemento de maneira subterránea.

Na actualidade, engade, “decenas destas tubaxes atópanse esparexidas pola superficie do litoral, a escasa distancia das casas habitadas e mesmo sen cumprir, a día de hoxe, unha función específica. Isto supón un risco á saúde ao que se lle suma o feito da contaminación ambiental e á degradación paisaxística da contorna. Non se pode entenderse que permanezan abandonadas as tubaxes con amianto. Resulta evidente que as administracións públicas teñen que actuar para eliminalo das construcións e edificacións de titularidade pública”.

E apunta: “É urxente poñer en marcha unha estratexia específica. Un plan de retirada dos materiais con presenza de amianto. Por iso, tamén é urxente que a Dirección Xeral de Costas e Mar realice as accións necesarias para retirar as tubaxes nesta praia de Noia e pór fin á situación de grave risco para a saúde e o perigo de contaminación que está a xerar” explica Rego nas iniciativas rexistradas.