Actuacións musicais internacionais e obradoiros no Noia Harp Fest do 4 ao 6 de agosto

A vila de Noia acollerá a nova edición do certame internacional Noia Harp Fest, que se celebrará do 4 ao 6 de agosto. Artistas de Italia, Bretaña, Lituania, Francia, Paraguai, Euskadi, Cataluña, Galicia, Andalucía e Murcia darse cita neste encontro internacional, no que o arpa é o eixe vertebrador dun programa plural con música clásica, flamenco,
folk ou vangarda.

Ademais está previsto un bo número de obradoiros, aos que se pode acudir con reserva previa, e que impartirán as arpistas Marianne Gubri, Aiste Bruzaite e Ana Crisman.
A oitava edición do festival inclúe concertos gratuítos para o público, ao aire libre, de intérpretes destacados da arpa. Este instrumento constitúe a base dun festival cuxo cartel inclúe intérpretes de sona, como a italiana Marianne Gubri, o bretón Tristan Le Govic, a andaluza Ana Crisman, ou mesmo agrupacións como a vasca Basabi.
Tamén terán o seu lugar o tándem conformado polos arpistas Davide Burani e José Antonio Domene, o dúo do francés e o catalán Formiga e Cigale, así como o trío Ysando, que fusiona a tradición musical paraguaia e latinoamericana con composicións propias. Con todo, tamén estarán presentes, como é habitual, os músicos galegos, neste caso Pedro Lamas, creador e compositor que acompañará a Aiste Bruzaite nun concerto de kanklés, un singular instrumento de corda popular lituano.
A expectación que está a xerar o VIII Festival Internacional de Arpa Vila de Noia entre o público, desde a organización confirmaron o peche de solicitude de invitacións para os concertos acústicos que terán lugar en horario de tarde na nova sede desta edición, os xardíns da Central Hidroeléctrica do Tambre. Aínda así, as persoas que desexen gozar do festival, poden solicitar de balde, a través do correo programacionconcellodenoia@gmail.com, os últimos convites dispoñibles para os concertos nocturnos da praza do Tapa, que se celebrarán nas noites dos días 4,5 e 6 a partir das 22:00 horas.