A ANPA do IES da Pobra, en pé de loita por uns recortes que reducirían o profesorado do centro

31 Xullo 2021

A Asociación de Nais e Pais do IES da Pobra do Caramiñal sumouse ao clamor dos centros educativos da nosa comarca que están a ser obxecto de diminucións de persoal ou cancelación de aulas e servizos. No caso desta asociación, o motivo da súa preocupación é a información relativa aos recortes de profesorado no dito centro, que, segundo se avanza nos medios, pasaría de contar con 54 profesores a 48.

En base a estas informacións, a ANPA do IES fai saber o seu total rexeitamento ao recorte proposto de profesorado e “máxime no momento actual cunha crise sanitaria aínda non superada”. Segundo engaden, pasar dos actuais 54 profesionais do ensino aos 48 propostos suporía para a asociación as seguintes consecuencias:

1- “Aumentar a ratio do alumnado, das 15-18 persoas actuais pasariamos a aulas con 29-30 alumnos e alumnas. Aumento que indubidabelmente repercutirá negativamente na calidade educativa que recibirán os noso fillos e fillas e na imposibilidade de unha atención adecuada aos alumnos e alumnas con maiores necesidades. Esta situación de merma na calidade educativa veríase incrementada coa necesidade de dar as materias por profesorado non especialista nelas. Non estamos dispostos a permitir que se poña en risco a calidade educativa recibida polos nosos fillos e fillas.

Por outro lado está maior concentración e masificación prodúcese cunha pandemia aínda non controlada e que está a ter unha incidencia especial na adolescencia e na mocidade. Estase a pór en perigo a saúde dos nosos fillos e fillas e iso é inaceptábel baixo calquera contexto”.

2- “Eliminaríanse 17 materias na oferta educativa do centro co que iso supón de empobrecemento da oferta, da imposibilidade dunha formación adecuada, xa que impide que moitos dos nosos fillos e fillas podan ter itinerarios adecuados para continuar a súa formación posterior en ciclos educativos superiores, pechando polo tanto alternativas de futuro para eles e elas”.

3- “Pon en riso o mantemento da oferta educativa dos ciclos formativos, da FP, impartidos polo centro, polo que o noso concello quedaría sen oferta pública na formación profesional. Inaceptábel”.

4- “Tendo en conta as características arquitectónicas do centro e a necesaria redución ou eliminación de tarefas de garda e vixilancia por parte dunha plantilla recortada, é evidente que esas tarefas non se van poder desenvolver de maneira correcta, máxime nunha situación de pandemia na que aínda estamos padecendo”.

Por todo o exposto, a ANPA solidarízase coas reclamacións que desde o centro se están a facer á Consellería de Educación da Xunta da Galicia.

E engaden: “Sabedores de que esta situación non é exclusiva do noso centro nin do noso concello, facemos un chamamento a toda a cidadanía a defender en todos os ámbitos que se consideren oportunos unha educación publica de calidade e acorde cos momentos nos que estamos a vivir”.

A asociación fai tamén un proclama dirixida ás organizacións políticas presentes no Parlamento galego para que trasladen ao Goberno autonómico “a nosa máis enérxica repulsa a esta redución e á necesidade de seguir mantendo a mesma dotación de profesorado que o ano anterior, e en todo caso aumentala, xunto con outras medidas tamén necesarias para seguir ofertando unha educación pública de calidade e de futuro para os noso fillos e fillas”.

Outros artigos

Historias e inglés conflúen nunha sesión de contacontos na Pobra

A aula de estudo situada na planta superior da biblioteca municipal Victoriano García Martí acollerá no sábado 20, ás 11.00 horas, o contacontos en inglés Storytelling Sally Senses que achega a academia Kids&Us Ribeira coa colaboración da Concellaría da Cultura da...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A vivenda” – José Manuel Pena

“A vivenda” – José Manuel Pena

É un ben de mercado para o negocio particular ou un dereito básico, fundamental e humano, como pode ser a educación, a sanidade, a prestación por desemprego ou a xubilación? A vivenda, en Galicia e no resto de España, continúa sendo un negocio e un ben de...