A ANPA do CEIP de Outes pon en pausa as súas reclamacións ante a resposta positiva da Xefatura Territorial

A ANPA Río Tines do CEIP de Outes compartiu novidades respecto das súas reivindicacións encamiñadas a impedir os recortes que anunciou a Administración autonómica, reivindicacións das que falamos os días pasados dende O Barbanza. Segundo fixo saber a ANPA, este 12 de xullo foille comunicada a resolución da Xefatura Territorial: unha resposta que sobre o papel sería positiva en relación coas reclamacións. Esta resolución, pendente da resposta definitiva sobre o mantemento das coidadoras asignadas no mes de setembro, motivou que as accións reivindicativas foran finalmente pausadas.

Segundo informou a entidade de nais e pais, atendendo a criterios técnicos e segundo á normativa vixente a configuración de docentes no CEIP sería a seguinte:

– Infantil: 4 titorías e 1 docente de apoio (perdemos 1 docente de apoio)

– Educación Física: mantéñense os 2 docentes

– Departamento de Orientación: mantense a tempo completo

– Audición e Linguaxe: mantense a tempo completo

– Coidadoras: pendente

No comunicado, a ANPA engade que cómpre seguir traballando a nivel xenérico nas ditas reclamacións, sinalando que “entendemos que 40 coidadoras para toda a provincia de A Coruña é un número insuficiente e debemos traballar conxuntamente a sociedade para mellorar a integración dos nenos e nenas nos centros educativos”.