“Palmeira, un pobo ferido de morte”. Celia García Pillado

Empezo estás liñas con desacougo, tristura e impotencia polo futuro negro e incerto do pobo que me viu nacer alá polos anos 60.
Non vou ir moito atrás no tempo porque me faltan moitos datos e quero ser o máis fiel posible á historia de Palmeira como pobo, sempre dende a mirada dunha veciña máis, non pretendo facer traballo de historiadora. Sería unha ousadía pola miña parte pois carezo dos coñecementos e dos métodos para tal fin. Pero si me gustaría facer un pequeno resumo da nosa Palmeira.
Palmeira nace cara ao mar, ese fermoso mar que ás veces nos quitou tanto pero que tamén nos dou quizais a esencia como pobo, un pobo aberto, traballador, aventureiro, cunha idiosincrasia que nos fai diferentes ao resto da veciñanza da Bisbarra, cos nosos defectos pero con moitas virtudes e, sen dúbida para min, unha delas é o sentimento de pobo que todxs temos, esa fachenda coa que falamos si a temos que describir, o sentimento de autonomía que sempre nos caracterizou, a vaidade, si, a vaidade, por que non dicilo, de cando chegamos con algunha amizade que nos visita por primeira vez e baixamos ao Eitón e lle mostramos cun orgullo que non nos cabe no peito o noso castelo, lugar emblemático para todas as persoas de Palmeira.
A comezos do século pasado Palmeira empeza a despuntar na comarca coa implantación da industria da salgadura, que dará paso á industria conserveira, que se consolidará coma o motor da economía do pobo chegando a ter cinco fábricas nas cales traballaban maioritariamente mulleres do pobo e arredores, tamén algunhas doutras comarcas. Outras industrias que deixaron pegada foron a telleira que tiña a súa actividade en Insuela e os estaleiros do Sr. Saavedra coñecido na zona por facer embarcacións de todo tipo, algunhas de certa envergadura, incluso o vapor que
tiña a ruta Ribeira-Vilagarcía.
As mulleres foron un valor fundamental na vida do pobo. Coma todxs sabemos, Galiza foi golpeada duramente pola emigración e desgraciadamente Palmeira non foi allea ao doloroso éxodo de moitxs dxs seus/súas veciñxs que buscaron un futuro mellor moi lonxe da terra: Venezuela, Arxentina, EEUU, Francia, Alemaña e unha longa lista de países que nos acolleron e que nos brindaron unha oportunidade.
E aquí se quedaron elas, mulleres que fixeron de nai e de pai, que traballaron arreo nas súas casas, fóra delas, nas terras, no mar… e sempre soas. Foron “viúvas de vivos” como as definía a gran Rosalía nun dos seus poemas. Elas que, en moitos casos, foron invisibilizadas. Verdadeiras loitadoras ás que lles debemos un recoñecemento. En definitiva, MULLERES con maiúscula.
Grazas á industria e ás divisas que enviaban os emigrados empeza unha etapa próspera para o pobo, ábrense numerosos negocios de todo tipo: alimentación, ferraxerías, materiais de construción, moblerías, mercerías, zapaterías, xastrarías, téxtil… Vívese unha transformación, modernízanse as vivendas e constrúense outras dando un aspecto de prosperidade e de benestar. Contamos tamén con médicos, farmacia, colexio público e escolas infantís; ábrense tamén oficinas bancarias, chegando a ter tres. Eramos un pobo con todos os servicios agás os municipais, pero ese tema tocámolo noutra ocasión. A xente de Palmeira entenderame. Eramos un pobo autosuficiente en recursos e servizos e iso fixo que a poboación se incrementara substancialmente.
No eido da cultura e deporte sempre fomos un pobo con inquedanzas, por iso ala polos anos vinte un grupo de veciñxs emigradxs a Estados Unidos fundan a “Sociedade Fillos de Palmeira” que será o motor de moitas das actividades que logo se desenvolverían. Pasados os anos temos que lamentar que o espírito co que naceu dita asociación se perdera polo camiño, pero dende aquí o meu sincero agradecemento a quen a fundou.

Palmeira anos sesenta. Arquivo Joferpa. riveira.eu

Fomos tamén pioneiros no deporte. Nos anos setenta o Palmeira chega a campión da Liga do Sar, sendo o primeiro equipo da Barbanza en ascender á categoría de Rexional Preferente.
Palmeira contaba con cine e sala de baile onde asistía a xuventude das demais parroquias para o seu divertimento. Tamén tiñamos grupo de teatro propio que acadou numerosos éxitos.
E podería seguir enchendo liñas do que en tempos foi a nosa Palmeira, moi querida por uns e maltratada por outrxs. Entre estes últimos, as Administracións que non souberon ou non quixeron dar dinamización a un pobo que conta con recursos, pero que morre lentamente sen que ninguén o remedie. Quizais nós teñamos parte de responsabilidade por carecer dun tecido asociativo forte que demande moitas das reivindicacións que o pobo necesita.
A chama de Palmeira extínguese lentamente. A industria, o comercio, a cultura, o ocio, os servizos… foron desaparecendo. Actualmente o panorama que temos é a ameaza que nos sobrevoa de quedarnos incluso sen médico de atención primaria. Hai uns días observabamos con estupor o peche da única oficina bancaria que nos quedaba nunha poboación cunha alta porcentaxe de persoas maiores ás que se obriga a depender dun autobús, que por certo, cada día funciona peor e sen adaptabilidade para persoas con mobilidade reducida, ou recorrer a familiares que os acerquen a Ribeira ou Pobra perdendo así a súa autonomía.
Quizais, querendo ser un pouco optimista, a nosa xeración non verá desaparecer o noso pobo, pero moito me temo que nos queda pouco futuro.
Saquemos o noso orgullo de ronsadorxs e morramos loitando con dignidade!
Palmeira, sangue e area!