Os próximos días 3 e 4 de xuño, a Casa da Cultura da Serra de Outes será a sede da apertura oficial do proxecto europeo e‑InnoEduCO2 (Innovation in Climate Change Education), que está integrado no programa Erasmus + e que conta coa participación de institucións galegas, portuguesas, polacas e romanesas.

O obxectivo xeral do proxecto é reforzar a capacidade das institucións de educación e formación para proporcionar unha educación dixital inclusiva e de calidade a través do modelo pedagóxico «e‑learning STE(A)M-TIC», que permita compensar o incremento nas carencias da UE en educación escolar adaptando a formación telemática da era COVID-19 ás necesidades curriculares de experimentación científica. O proxecto busca pór en valor a ciencia e as competencias STE(A)M (siglas en inglés de «ciencia, tecnoloxía, enxeñaría, arte e matemáticas») mediante a súa transformación dixital a nivel europeo para avanzar cara a un enfoque máis inclusivo e facer da educación escolar europea un laboratorio de innovación neste terreo.
O proxecto, que finalizará o 28 de febreiro de 2023, conta cun orzamento total de 251.305 €, financiados ao 100 % polo programa Erasmus +. O líder do proxecto é o Concello de Outes, e o resto de socios son a Universidade de Santiago de Compostela e o Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia, a Universidade de Aveiro e o Agrupamento de Escolas de Aveiro, de Portugal; o XXVI Liceum Ogolnoksztalcace, de Polonia; e mais a Universitatea Alexandru Ioan Cuza din Iasi, de Romanía.
O día 3 decorrerá a xornada da reunión de posta en marcha do proxecto. As actividades deste día estarán reservadas para os representantes de todas as organizacións socias, pero as do 4 de xuño estarán dirixidas aos medios de comunicación e aos grupos de interese: será a xornada do Evento transnacional de apertura oficial do proxecto. Ás 10:00,o alcalde de Outes, Manuel González, abrirá de forma oficial o evento cunha benvida aos asistentes. A partir dese momento, José Antonio Caride Gómez, catedrático de Pedagoxía Social da Universidade de Santiago de Compostela, fará unha presentación do proxecto e‑InnoEduCO2 e dos seus obxectivos. Pola súa parte, Francisco Sóñora, director de Climántica, presentará o enfoque e as metodoloxías que se utilizarán no proxecto. Posteriormente haberá unha breve presentación de cada unha das entidades socias.
Despois dunha pausa para o café, ás 12:30 será o momento para a mostra «Física Viva», preparada pola Fábrica Ciencia Viva de Aveiro (Portugal) e ao que acudirán como convidados a alumnado do IES de Outes e do IES de Noia; ás 13:30 finalizará o evento.