Os socialistas de Ribeira piden facilitar o fluxo de peóns na confluencia das rúas Mariño de Rivera, Mendiño e Novoneyra

O grupo socialista de Ribeira, a través do seu portavoz José Manuel Vilas Álvarez, vén de presentar un rogo para ser tratado en pleno referido á rúa Mariño de Rivera e o nivel de seguridade que ofrece esta vía na súa confluencia coa rúa de Mendiño e co acceso á vía peonil Novoneyra. Segundo fai saber o grupo, neste punto en concreto “o tránsito de persoas faixe complicado, motivado polos vehículos estacionados nos espazos habilitados a tal fin (zona azul)”.

dav

A dita rúa Mariño de Rivera, emprazada no centro urbano de Ribeira, engaden, pasa por ser unha contorna de gran tránsito de viandantes, en parte debido á proximidade do Colexio O Grupo, entre outros motivos. Tamén lembran que o paso de persoas na dita confluencia de rúas, camiño da praza de España, do Mercado Municipal, da Lonxa ou do porto, faise mediante un paso de peóns situado no punto cardinal oeste do espazo público de 12 metros de ancho, “o que condiciona a libre circulación de peóns derivando e estreitando o paso a 3 metros de ancho do citado paso de cebra, como pode observarse in situ”, explican, engadindo que de “eliminarse un treito do aparcamento facilitaríase a a circulación preferente das persoas entre ambas vías, a fin de evitar rodeos e tropezóns innecesarios, por ser unha vía frecuentemente moi utilizada pola veciñanza”.

Proposta dos socialistas de Ribeira

O grupo explica que “dita zona de preferencia peonil podería quedar habilitada por un paso de peóns similar ao da foto anexa, incluíndo un paso para bicicletas a localizar no actual paso de cebra, cun longo de 10 metros total, facilitando a circulación veciñal”.